Romper as cadeas do pasado

Alén das consecuencias inmediatas que propician os resultados das eleccións municipais en Galicia, enxérgase un efecto alborada de longo alcance.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 25/05/2015

Comparte esta noticia
Quen asista ao rito do botafumeiro na Catedral de Santiago, escoitará durante o voo do incensario unha sorte de cántico desafinado con letra nacionalcatólica que o transportará ao máis rancio daqueles tempos de sotana e tricornio. Se sobe despois aos tellados do colosal edificio, oirá o relato dunha guía que, fiel seguidora da historiografía oficial española, falará do “reino astur-leonés” e dos reis asturianos negando por omisión a existencia do Reino de Galicia (ou de Galicia e León) que era o vixente naqueles séculos. 
 
Transcorreron corenta anos da morte do infausto xeneral nado en Ferrol mais semella que o seu legado aínda ten presenza, e non so nas instalacións clericais. O Parlamento e moitos dos concellos galegos aplican decote unha política ancorada na formulación xacobina do Estado e na posición sometida de Galicia, carente dunha conciencia propia e asimiladora dos designios impostos dende Madrid. É esta unha versión actualizada, se cadra amable, daquela concepción do vello réxime que perdura hoxe en día no exercicio dos gobernos liderados polo Partido Popular. 
 
O País coñeceu múltiples proxectos de rexeneración, o piñeirismo e o intento de consolidación galeguista nos primeiros anos de democracia; o lapso do tripartito a finais dos 80; a agrupación das distintas correntes nacionalistas no BNG; o triunfo da alternativa de esquerdas nas eleccións de 2005. Mais todas as experiencias foron varridas por unha dereita que conta en Galicia cunha maquinaria poderosa e o apoio, ata agora impagable, dos medios de comunicación. 
 
Dúas realidades irreconciliables, dúas faces dunha Galicia que semella partida en dous. Por unha banda, os que pretenden que nada mude nunca, que dispoñan os clans de sempre; os amigos da trapallada e a escuridade; os submisos antes as ordes chegadas da Meseta; os amantes da uniformidade; os usurpadores da cultura e idioma propios; os alentadores da emigración; os señores do eucalipto e a construción salvaxe; a besta que medra chuchando a enerxía da propia terra. Eses por unha banda. 
 
Pola outra, temos quen non cala e demanda; quen amosa o orgullo dunha historia e dunha tradición; quen reivindica a vixencia dos valores endóxenos; quen confía nas propias capacidades para encarar un futuro de progreso; quen alenta a creatividade e a experimentación; quen fala e defende a lingua de noso; quen chama pola unión dos espíritos libres para empezar a reconstruír un País novo sen a renuncia das súas raíces. 
 
Na disputa entre as dúas realidades, adoita prevalecer a primeira. Porque conforman un aparello rochoso que se retroalimenta. E tamén porque en fronte atoparon correntes non sempre converxentes, ou iniciativas esporádicas e temporais, ou alianzas que axiña se rompen: propostas, en síntese, que non callan. 
 
As Mareas, na súa distinta configuración, toman a remuda en Concellos transcendentes ao tempo que marcan o camiño da unidade. Agora toca repasar as anteriores experiencias frustradas e demostrar que o amor ó País é o auténtico argumento da súa acción. Bos e xenerosos por unha Marea galega que sinale o comezo dos tempos novos. Iso ou a definitiva ancoraxe do presente no sinistro pasado. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego