As rexións europeas aproban en comisión o ditame galego sobre o futuro da pesca

Fai fincapé na importancia de garantir que a transición do sector é "xusta e gradual". Así, ponse o foco ademais na protección tanto do benestar dos actores sociais que o compoñen como da autonomía estratéxica e a soberanía alimentaria europeas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

A Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) aprobou este xoves o ditame sobre o futuro da pesca e da acuicultura, liderado por Galicia en resposta ao paquete lexislativo relativo á contribución do sector á transición ecolóxica que publicou o pasado mes de febreiro a Comisión Europea.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou este xoves como relator no encontro da comisión que se celebrou en Bruxelas. Segundo explican nun comunicado, Gamallo remarcou que "o marco político para a pesca e a acuicultura comunitaria, para ser aceptable, debe basearse nunha relación equilibrada entre as dimensións ambiental, económica e social".

En liña con isto, "e en reacción ás medidas da Comisión Europea", a proposta galega aprobada na comisión NAT, "aínda que sen perder de vista os obxectivos do Pacto Verde", fai fincapé na importancia de garantir que a transición do sector é "xusta e gradual". Así, ponse o foco ademais na protección tanto do benestar dos actores sociais que o compoñen como da autonomía estratéxica e a soberanía alimentaria europeas.

Indican tamén que un dos compoñentes do paquete da Comisión Europea que máis preocupación xera no sector é a restrición no uso de artes de pesca. Desde a Xunta alertan de que este tipo de medidas deben basearse en sistemas de datos precisos, tanto dos ecosistemas mariños como do estado da industria, co obxectivo de non provocar impactos socioeconómicos que comprometan a viabilidade da frota. "Preocupa especialmente o veto á pesca de fondo, xa que a Comisión sobreestima o impacto xeral destas artes (cuxa pegada só afecta ao 3 % do fondo mariño) e desatende a importancia económica que ten para as zonas costeiras europeas", explican.

Outras propostas importantes recollidas no ditame aprobado son a reforma do sistema de control pesqueiro por medio de TACs e cotas, a necesidade dun maior diálogo co sector á hora de tomar medidas, o maior apoio financeiro á renovación e descarbonización das frotas e a importancia de garantir a seguridade alimentaria europea por medio dunha organización adecuada dos compradores de produtos mariños. Tras a súa aprobación en comisión, o ditame debaterase no pleno do Comité na sesión plenaria do próximo mes de novembro.

Imaxe dunha rede de pesca
Imaxe dunha rede de pesca | Fonte: IEO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta