Advirten dos perigos dos megaeólicos para "a maior poboación de Galicia" dunha planta en extición

Trátase do Lycopodiella inundata, un fento que se atopa nos montes de Cábado e Montouto, entre os concellos de Campo Lameiro, Cuntis, A Estrada e Cerdedo-Cotobade

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 09/10/2023 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

Os montes de Cábado e Montouto, entre os concellos de Campo Lameiro, Cuntis, A Estrada e Cerdedo-Cotobade ocultan "a poboación mais grande de Lycopodiella inundata de toda Galicia" polo seu número de individuos e extensión, segundo Martiño-Fiz López Lindoso, biólogo e botánico de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza).

O Lycopodiella inundata, un fento en perigo de extinción en Galicia
O Lycopodiella inundata, un fento en perigo de extinción en Galicia | Fonte: Colectivo do Vento

A Lycopodiella inundata é un fento de pequeno tamaño en perigo de extinción que vive  en  brañas, humidais protexidos pola directiva Hábitat da Union Europea. Este hábitat é moi sensible á degradación pola apertura de pistas que poden drenalas así como outras transformacións que ocasionan que estea en clasificada como "en perigo de extinción" en Galicia según o Catálogo Galego de Especies Ameazadas. 

Este achado foi feito por Manuel Abalo Carballo, bombeiro forestal e gran coñecedor deses ecosistemas de media montaña do interior pontevedrés. "Cando fixen o meu traballo de fin de ciclo, en Medio Forestal na Escola de Capataces de Lourizán, xa camiñara moito eses lugares, e xa atopara este fento de casualidade. Mais segundo ía visitando a zona, ían aparecendo máis e máis... A min tamén me sorprendeu que sexa a poboación mais grande de Galicia, a verdade", destaca nun comunicado remitido polo Colectivo do Vento.

Este descubremento vai ser notificado á Consellería de Medio Ambiente coa intención de poder protexer esta planta en perigo de extinción do desenvolvemento eólico plantexado na zona. 

"Hai cinco grandes parques eólicos proxectados xusto onde está esta importante poboación. Isto pode significar a desaparición deste pequeno fento, pois como di a propia dirección xeral de patrimonio natural, a Lycopodiella é moi sensible ás infraestructuras derivadas da posta en funcionamento dos parques eólicos, como os camiños que abren, as estradas ou mesmo as áreas erosivas", apuntan desde o Colectivo do Vento, unha asociación ambiental veciñal de Campo Lameiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta