Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/06/2015 | Actualizada ás 11:37
A festa estivo innegablemente protagonizada polo galo do curral e polos profesionais da máis dunha treintena de restaurantes e casas de turismo rural da zona participantes que proveron aos visitantes máis de 3.000 menús desta carne de ave. O domingo na carpa da organización servíronse arredor de 400 racións de degustación en dúas horas, e os restaurantes do casco urbán agotaron as súas existencias derivando aos clientes a outros establecementos das parroquias lindantes. Asemade, na Praza de Abastos vendéronse preto de medio centenar de pezas deste galo ao longo da fin de semana, tal e como sinalaron dende a Asociación de Criadores do Galo de Curral.
O cociñeiro Ivan Domínguez foi o encargado do pregón desta edición, quen declarou que “o galo do curral é o ibérico das aves” referindose á calidade da súa carne. A festa estivo amenizada pola multitude de actividades lúdicas e musicais que se desenvolveron dende a mañá ata a noite, de xeito ininterrompido. Cómpre destacar a gran acollida que obtivo o sábado a iniciativa “O Galo canta nas tabernas”, que encheu os bares da vila de música tradicional, ou, entre outros, o domingo o XXII Festival de Bandas de Galicia e a Orquestra Panorama, a actuación nocturna que puso o colofón final a esta festa.
Dende a Organización valoranse moi satisfactoriamente os resultados desta última edición da Festa do Galo de Curral e consideran que “estamos no camiño axeitado para dar o pulo necesario e posicionar a esta raza autóctona á altura doutras aves ibéricas”. A organización reunirase nas vindeiras semanas para realizar unha análise en profundidade e establecer as seguintes liñas de actuación e de promoción, centradas na XVI Feira de Nadal de Vila de Cruces.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.