A XXVI Feira do Viño de Valdeorras foi unha das máis exitosas dos últimos anos

Calcúlase que o público asistente puido superar as 3.500 persoas, tendo contabilizado tamén o Consello Regulador que se serviron máis de 22.000 copas de viño na fin de semana do 31 de maio e 1 de xuño. As catas e os obradoiros de cociña esgotaron as prazas e houbo moita presenza de xente nova no evento, segundo sinalou o presidente da D.O. Marcos Prada.

Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 06/06/2025 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

A pasada fin de semana tivo lugar a XXVI Feira do Viño de Valdeorras, celebrada na Praza de Viloira, en O Barco, durante o sábado 31 de maio e o domingo día 1 de xuño.

Ambiente no recinto feiral na Feira do Viño de Valdeorras 2025. Foto: CRDO Valdeorras.
Ambiente no recinto feiral na Feira do Viño de Valdeorras 2025. Foto: CRDO Valdeorras.

O balance que dan a coñecer agora dende o Consello Regulador da D.O. Valdeorras é moi satisfactorio. Máis de 3.500 persoas puideron pasar polo recinto feiral e servíronse máis de 22.000 copas de viño amparado, das adegas que estiveron presentes nesta edición. En palabras do seu presidente, Marcos Prada Ginzo, e referíndose á importancia deste evento vitivinícola para a zona,  “a feira é a maior expresión do saber facer de viticultores e adegueiros, durante todo un ano, que veñen a amosar os seus tesouros, o seu enorme traballo, o resultado do seu esforzo”.

Prada Ginzo salientou tamén que houbo mestura de públicos diferentes que quixeron visitar a Feira, sendo a participación da xuventude a máis destacada. Nese senso, referiu que “estamos moi contentos da altísima participación, sobre todo da xente xove; enorgullécenos moitísimo que as novas xeracións queiran descubrir o mundo do viño a través dos nosos excelentes brancos e tintos”.

OUTROS DATOS 

A organización destacou tamén a rapidez coa que se cubriron as prazas das catas (40 en total) e do showcooking (20 prazas) da Feira, amosando este feito un enorme interese de parciticipación nestas actividades, cun público fiel que en moitos casos repite a experiencia ano tras ano.

Showcooking na Feira do Viño de Valdeorras 2025. Foto: CRDO Valdeorras.
Showcooking na Feira do Viño de Valdeorras 2025. Foto: CRDO Valdeorras.

E no que se refire á procedencia dos participantes na Feira seica deu froitos o enorme traballo de promoción polo que este ano apostou o Consello Regulador. “Facendo o esforzo de estar presentes nas feiras, organizando eventos nos que sexamos protagonistas e apostando pola formación convertíndonos en partners oficiais da WSET (a entidade formativa máis prestixiosa do mundo do viño), ten que dar os seus froitos, e en boa parte xa os estamos comezando a ver na participación de moita xente doutras provincias ou rexións nesta edición da Feira do Viño de Valdeorras”, explicou Marcos Prada.

BALANCE EXITOSO E MARXE DE MELLORA

Malia o exitoso balance, e a satisfación trasladada dende o Consello Regulador, o seu presidente trasladou tamén que "hai algunhas cousas que se poden mellorar e, de feito, xa estamos dando os primeiros pasos para poder introducir novidades nos seguintes anos”

Ambiente nas casetas das adegas participantes. Foto: CRDO Valdeorras.
Ambiente nas casetas das adegas participantes. Foto: CRDO Valdeorras.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta