Madera Fibers, a historia do fondo voitre alemán que deixou tirados a un cento de traballadores

A Xunta solicitará a Faurecia que recompre esta empresa, agora en concurso de acredores.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/10/2023 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asegurou que pedirá á multinacional auxiliar do sector da automoción Faurecia que recompre Madera Fibers, na actualidade en concurso de acredores.

Nunha xuntanza cos traballadores, analizáronse as solicitudes dos empregados e a Xunta asegurou que se porá en contacto co administrador concursal para tratar de manter o emprego, segundo indicaron sindicatos á saída do encontro.

Este xoves, nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, Lorenzana subliñou o seu compromiso de reunirse coa antiga propietaria de Madeira Fiber, Faurecia, que na actualidade continúa sendo o seu principal cliente, adquirindo preto dun 85% da súa produción.

Ela solicitará á empresa que volva comprar á súa antiga filial, situada no Porriño, para poder manter o emprego. A conselleira lembrou que Faurecia dispón de varias factorías en Galicia, polo que se poderían analizar diferentes propostas de recolocación dos preto de 100 empregados de Madeira Fiber. A pesar da "complexidade" do asunto, Lorenzana indicou que esixirá a Faurecia, "dentro das súas posibilidades", que asuma a responsabilidade co emprego na Comunidade.

FEITOS

A situación, segundo explicaron os traballadores, vén dada despois de que en xullo de 2021 Faurecia comunicou aos empregados a venda da unidade produtiva ao grupo Callista Private Equity, tratándose dun fondo voitre alemán.

En xaneiro de 2022 esta compañía tomou o control da planta do Porriño tras o pago dun euro, a pesar de que Faurecia ademais inxectou capital por valor de tres millóns, segundo denuncian os empregados.

Nese momento, os responsables do comprador reuníronse co comité informando de que traían un plan industrial para dar viabilidade ás instalacións. "A realidade que puidemos comprobar foi que nunca tiveron un plan industrial, nin investiron nada para telo, senón todo o contrario, dedicáronse a descapitalizar a planta, chegando mesmo a vender os terreos en xullo de 2022 por un prezo moi inferior ao valor de mercado de 2,4 millóns", criticou o presidente do comité de empresa, Leonardo Suárez.

"En febreiro deste ano o fondo voitre alemán, seguindo o seu modus operandi habitual, abandona a antiga planta de Faurecia cedendo os activos por 3.600 euros a unha empresa romanesa xestionada por Rüdiger Wisser, personaxe que se define a si mesmo como 'o enterrador", engadiu o presidente do comité. Segundo el, o novo propietario deixou claro que pretendía buscar un novo comprador ou pechar a planta e o pasado xoves, 14 de setembro, presentou o concurso de acredores.

O comité de empresa de Madeira Fiber reúnese con Lorenzana
O comité de empresa de Madeira Fiber reúnese con Lorenzana | Fonte: COMITÉ EMPRESA MADEIRA FIBER

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta