O PSOE de Santiago pide ao Concello "medidas preventivas" ante o "aluvión de incidencias" por causa da choiva

A concelleira Mila Castro insistiu en que "é necesario reforzar a atención para a eliminación das follas das árbores acumuladas, a limpeza dos sumidoiros e mellorar as canalizacións".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2023 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O Grupo Socialista de Santiago reclamou á alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, que tome "medidas preventivas" para evitar novas inundacións despois do "aluvión de incidencias" froito dos alagamentos que tiveron lugar por diversos puntos da cidade: San Clemente, Frei Rosendo Salvado ou Praza Roxa.

A concelleira Mila Castro advertiu de que a situación que se deu este mércores foi "máis aló" das inundacións habituais "en zonas críticas pola propia orografía da cidade".

Por iso, a concelleira insistiu en que "é necesario reforzar a atención para a eliminación das follas das árbores acumuladas, a limpeza dos sumidoiros e mellorar as canalizacións".

Mila Castro di que o pasado ano houbo días en que se superaron os 47 litros por metro cadrado (nunha xornada) e que "fóra deses puntos conflitivos, non tiveron lugar, nin moito menos, as inundacións que se viviron" este mércores. Segundo os datos do concello acumuláronse entre 25 e 30 litros por metro cadrado en escasos minutos.

No mesmo comunicado, Castro quixo recoñecer o labor dos Bombeiros, Protección Civil e Policía Local e ás empresas concesionarias dos servizos municipais nunha noite "moi complicada" e ante a que pide medidas para que "non se repita".

A concelleira do PSOE Mila Castro. PSDEG-PSOE
A concelleira do PSOE Mila Castro. PSDEG-PSOE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta