Declarado deserto o concurso do SERGAS para contratar a práctica de abortos por non recibir ningunha oferta

Sanidade defende o proceso de contratación de acordo coa lei do ano 2017 e insiste en que "continuará garantindo esta prestación a calquera muller" en Galicia, "cando así o necesite".

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 19/10/2023 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) declarou deserto o proceso de licitación pública para contratar, por case 1,4 millóns de euros durante tres anos --ampliables a cinco--, a práctica de interrupcións voluntarias de embarazos de ata 14 semanas, ao non presentarse ningunha oferta ao concurso.

Así consta na plataforma de contratación da Xunta, cunha resolución con data do martes desta semana, 17 de outubro, dous meses despois de iniciar este proceso de licitación. O novo documento, que avanza 'Praza.gal' e que está asinada pola xerente do Sergas, Estrela-López Pardo, explica que unha reunión da mesa de contratación do 29 de setembro comprobou "que non había ofertas presentadas", polo que propuxo a declaración do concurso como deserto.

E que ocorre nestes casos? O artigo 168 da lei de contratos do sector público de 2017 permite recorrer a un procedemento negociado sen publicidade, é dicir, que se podería pactar o contrato e o seu prezo cunha empresa privada sen facer convocatoria pública. Tamén se podería volver sacar a licitación o servizo cambiando algunha condición para favorecer que algunha clínica se presente.

Consultada por Europa Press sobre os próximos pasos a dar, a Consellería de Sanidade enmarca dentro do habitual a declaración dun concurso deserto e explica que a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria "está a avaliar" propostas sobre como dar continuidade ás interrupcións voluntarias do embarazo, o cal "se decidirá nun futuro". Sanidade defende o proceso de contratación de acordo coa lei do ano 2017 e insiste en que "continuará garantindo esta prestación a calquera muller" en Galicia, "cando así o necesite".

"FALTA DE RECURSOS"

Segundo os pregos do contrato, a licitación xustificábase con "o incremento e continuidade" da prestación asistencial e pola "falta de recursos, tanto materiais como humanos suficientes" no servizo sanitario. Tamén aludía a que os facultativos do sistema público teñen o dereito de exercer a obxección de conciencia".

O Sergas alega que a contratación deste servizo "non responde a ningún cambio nas políticas da Xunta" sobre o que xa se facía ata a data. "Calquera muller cun embarazo de menos de 14 semanas que queira interrompelo na sanidade pública pode facelo hoxe, igual que o poderá facer tras a licitación deste contrato que non cambia en nada a prestación", afirma.

O CONTRATO PODÍA SUPERAR OS 2,5 MILLÓNS

A vixencia do contrato que saíu a concurso tiña unha duración inicial de tres anos por un valor estimado de 1.373.910 euros. Se a isto engadísenselle outros 915.940 euros por eventuais prórrogas --por outros dous anos, ata cinco-- e posibles modificacións por 274.782 euros, o total ascendería a 2.564.632 euros.

Así mesmo, está repartido en dous lotes con diferenza notable en canto ás cantidades. O primeiro cobre as áreas sanitarias da Coruña-Cee, Ferrol, Santiago-Barbanza e Lugo-A Mariña-Monforte, que en cinco anos superaría os 1,16 millóns de euros. O segundo, para as áreas de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, Vigo e Pontevedra-O Salnés, tería un valor de pouco máis de 210.000 euros.

O Sergas estima que esta licitación cubriría 805 abortos ao ano, dos cales a gran maioría (801) serían co emprego de instrumental e outro catro, mediante métodos farmacolóxicos. De acordo cun informe remitido a comezos de ano pola Xunta ao Parlamento galego, a solicitude do PSdeG, entre os anos 2020 e 2022 practicáronse en Galicia un total de 10.515 abortos --unha media de 3.500 ao ano--. De todos eles, o 64,32% foron no Sergas e o 35,68% en clínicas privadas autorizadas.

Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde  (Sergas) / Europa Press  / Europa Press
Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde (Sergas) / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta