Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2023 | Actualizada ás 18:36
A lei de medidas que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2024 introduce varios cambios na Lei de Saúde de Galicia do ano 2008. Entre eles, outorgar á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade a facultade para decidir sobre a incompatibilidade do persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas), unha competencia que antes tiña a Dirección Xeral de Función Pública da Consellería de Facenda.
En concreto, introducirase un apartado 4 ao artigo 109 da Lei de Saúde, para así ceder a Sanidade a "resolución dos expedientes de incompatibilidades" de persoal que presta servizos para o Sergas, previa proposta formulada polo centro directivo que corresponda en cada caso.
Esta nova atribución de competencias a partir de 2024 coincide, precisamente, coas medidas de flexibilización das incompatibilidades adoptadas polo Sergas coa intención de reter persoal, tal e como argumentaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
De feito, desde o 1 de xaneiro de 2024, o persoal que exerce tanto na pública como na privada poderán cobrar parte do complemento específico que, ata o momento, non podían. Percibirán unha contía que será ata 180 euros menor que os que traballan só na pública. Foi un compromiso adquirido pola Administración o pasado mes de abril para pór fin á folga de médicos que impulsou en solitario o sindicato CESM.
Ademais, a Xunta adoptou este ano outras medidas similares no ámbito das compatibilidades, como permitir que facultativos poidan exercer tanto na pública como en clínicas e servizos concertados, sempre que non atendan a pacientes derivados do Sergas.
SERVIZOS "PERSONALIZADOS"
A lei de medidas que acompaña aos orzamentos de 2024, que este venres foron rexistrados no Parlamento galego, engade tamén á mesma norma unha disposición adicional que busca unha administración "máis áxil e próxima á cidadanía", con menos "cargas burocráticas".
Así, o parágrafo engadido á Lei de Saúde permite a Sanidade comunicar á Administración e a outras entidades instrumentais do sector público datos de identificación de pacientes "co fin de ofrecer, de forma proactiva, servizos administrativos personalizados", sen unha solicitude previa. Iso si, para a cesión de datos "especialmente protexidos por motivos de saúde será necesario, en todo caso, o consentimento da persoa afectada" ou do seu representante legal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.