Galicia segue precisando máis chuvia

A situación dos encoros mellora en Galicia tras o paso das últimas borrascas aínda que a Xunta apela á necesidade dunha "choiva sostida". Incide no uso responsable da auga nun outubro sen precipitacións nos primeiros doce días.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2023 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

A Xunta apela á necesidade de rexistrar unha "choiva sostida" no tempo para normalizar a situación nos encoros tras as escasas precipitacións rexistradas ata a entrada esta semana dunha borrasca.

Á importancia deste tipo de choivas, alude, en declaracións a Europa Press, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, en base aos últimos datos rexistrados no boletín semanal publicado o 16 de outubro, á espera da súa actualización.

Se o 9 de outubro a Xunta activou a declaración de situación de alerta por escaseza de auga no sistema de abastecemento do río Anllóns, da costa da Coruña ata o límite de Arteixo, o pasado día 18 trasladou, á súa vez, a concellos da comarca de Bergantiños a mellora da situación das reservas de auga polas últimas choivas.

"Globalmente a media de ocupación dos encoros de abastecemento é do 58%", apunta Teresa Gutiérrez en relación ao último dato dispoñible. "É un pouco menos que a semana pasada e un pouco mellor que o ano pasado", precisa.De acordo co balance hidrolóxico do 16 de outubro, os encoros da demarcación Galicia-Costa estaban de media a un nivel de ocupación do 54,67 por cento, algúns por baixo desta cifra como os de Caldas de Reis ou de Cecebre e outros por encima como o de Portodemouros.

OUTROS ENCOROS

Pola súa banda, desde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil explican que os seus encoros estaban a un nivel de ocupación do 56,45%, un 2,09% menos que a semana pasada e un 14,97% máis que o ano pasado. "E un 4,61% por encima da media histórica", engaden.

"Os encoros da demarcación atópanse ao peche do ano hidrolóxico ao 59,81 por cento da súa capacidade máxima, sendo un 16,07 por cento maior que a cantidade de auga embalsada hai un ano". "Estes datos contrastan cos do ano hidrolóxico anterior, 2021/22, que rexistrou unha precipitación acumulada de 694,6 litros/metro cadrado, un 40% por baixo da media histórica". Ademais, indican que "a precipitación acumulada media na demarcación a día 30 de setembro de 2023 foi de 1.315,7 litros/metro cadrado, un 14% por encima da media histórica".

BALANCE, SEGUNDO O AEMET

Pola súa banda, Francisco Infante, delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía en Galicia (Aemet), lembra que outubro de 2022 acabou sendo húmido no conxunto de Galicia, cunha precipitación acumulada un 26 por cento superior ao valor medio.

Xa sobre este mes de outubro remarca que "non se rexistraron precipitacións nos primeiros 12 días". "A partir do día 13, debido ao cambio de situación meteorolóxica coa entrada sucesiva de frontes e borrascas atlánticas, as choivas foron xeneralizadas con precipitacións máis abundantes nas provincias da Coruña e Pontevedra".

Con datos a 17 de outubro, engade que "xa se recolleu entre un 40 e un 60% da precipitación media do mes de outubro na maior parte de Galicia". "Tan só o interior de Lugo, algunhas zonas de Ourense e o extremo norte das provincias da Coruña e Lugo rexistraron valores acumulados inferiores ao 40% da media mensual de outubro".

Tras o paso de sucesivas borrascas de orixe atlántica que afectan a Galicia e con precipitacións xeneralizadas, afirma que "é moi probable que a próxima semana, siga sendo máis húmida do normal en Galicia, cun comportamento similar ao desta semana".

Encoro de Portomarín afectado pola seca.
Encoro de Portomarín afectado pola seca.

CONSUMO RESPONSABLE

Neste contexto, a directora de Augas de Galicia incide nas diferenzas entre uns encoros e outros. Por outra banda, matiza que hai "dúas situacións" que se analizan en períodos como os vividos os últimos meses. "Seca, que se refire a que haxa menos precipitacións do normal", como foi o caso da zona da Mariña, así como "escaseza" como se rexistrou no caso do río Anllóns. Con todo, incide na necesidade de que se faga "sempre" un consumo responsable da auga. "É un ben escaso", remarca Teresa Guitérrez que apela tamén á toma de medidas por parte dos concellos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta