Cancro de pulmón, un inimigo letal: "O risco dun non fumador de padecer este cancro é do 1 %, o dun fumador é do 24 %"

Entre 2023 e 2024 poden falecer medio millón de cidadáns por cancro de pulmón en España, que rexistrou o ano pasado 22.428 falecementos asociados a este enfermidade. A doutora María Rosario García Campelo, xefa do servizo de Oncoloxía Médica do CHUAC, pide afondar no diagnóstico precoz e aproveitar tecnoloxías como a intelixencia artificial para "que o cancro de pulmón deixe de ser unha enfermidade cunha mortalidade moi alta e se convirta nunha enfermidade anecdótica".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cancro de pulmón é un inimigo ao que a sociedade actual se enfronta debido, principalmente, ao aumento expoñencial do consumo de tabaco. Trátase dun cancro que non é invisible, pois os seus síntomas están claros: tos persistente, flemas, dificultades respiratorias... Pero que cómpre detectar nos seus estadíos máis temperás para poder prolongar a vida do paciente, pois trátase dunha enfermidade moi agresiva que non dubida en cobrarse novas vítimas. Só o pasado ano detectáronse en España 31.282 casos de cancro de pulmón e houbo 22.428 falecementos pola mesma causa. A idade media de detección deste cancro sitúase nos 53 anos.

Cancro de pulmón
Cancro de pulmón | Fonte: Arquivo

Como advirte María Rosario García Campelo, xefa do servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), participante na 'II Xornada Galega de Saúde Pública' celebrada en Santiago a pasada semana, "ás veces tendemos a normalizar estas cifras, sen percatarnos de que detrás delas hai un paciente, unha familia que sofre e unha historia". Entre o ano 2023 e 2043 calcúlase que poden falecer medio millón de cidadáns españois por cancro de pulmón. Isto tamén traerá consigo un alto impacto económico, pois os hospitais públicos terán que tratar durante moitos anos a esa xente, maioritariamente homes, pero cada vez máis mulleres, pois a tendencia ao consumo de tabaco é descendente en homes e ascendente en mulleres, aumentando entre un 4 e un 5 % anualmente no xénero feminino.

García Campelo aporta algúns datos máis: o 85 % dos cancros de pulmón están asociados ao tabaco, como é lóxico, e neste país segue a fumar moita xente, pois máis de 8 millóns de españois (dos 47 millóns que somos) admiten fumar a diario. Ademais, os mozos do noso país tamén fuman (moitas veces mezclando tabaco con cánnabis, o que incrementa o perigo), e fano por igual independentemente do sexo, aínda que se nos vamos ás porcentaxes fuman algo máis as rapazas que os rapaces. E entre os 14 e os 18 anos duplícase a porcentaxe de mozos que se inicia no consumo de tabaco. Estes datos son totalmente extrapolables a Galicia.

Así as cousas, a doutora afirma que "o risco dun non fumador de padecer cancro de pulmón é dun 1 %, mentres que o dun fumador sube ata o 24 %". Pero a cantidade tamén importa, pois "se unha persoa consume 60 paquetes de cigarrillos ao ano o seu risco vai ser moi superior a un consumidor máis 'light'", e "aínda que pareza unha obviedade, hai que dicilo". Por este motivo, considera fundamental "comezar a atacar coa prevención polos mozos que se inician no consumo de tabaco e axudar a aqueles que xa fuman a deixalo", pois "o tabaco é moi aditivo e moi tóxico para a súa saúde". Ademais, "todos temos claros que entre os mozos os riscos de cancro de pulmón estanse acrecentando non só polo consumo de tabaco, senón tamén polo de cigarrillos electrónicos e vapeadores, que preocupan cada vez máis aos sanitarios e expertos". 

Entre o resto da sociedade, máis aló do tabaco, tamén destacan como causantes de cancro de pulmón a exposición ao radón, sendo Galicia unha comunidade con elevadas concentracións desta substancia, e a exposición a substancias canceríxenas en certos traballos. E tamén hai poboación non fumadora que pode chegar a desenvolver cancro de pulmón por alteracións xenéticas. Con todo, a prevención primaria é posible, e García Campelo destaca a importancia de "detectar a poboación asintomática con tumores de alta mortalidade". "Se diagnosticamos precozmente curamos máis, pois non é o mesmo un paciente que vén á consulta en estadío un que catro", conclúe, asegurando que "o 'screening' (estratexia aplicada na medicina para detectar unha enfermidade en individuos sen síntomas da mesma) funciona no caso do cancro de pulmón". 

O 'SCREENING' DIMINÚE A MORTALIDADE NUN 20 %, MÁIS ENTRE AS MULLERES

De feito, os últimos estudios sobre o 'screening' en diferentes grupos poboacionais divididos por sexo e idade demostran que esta técnica "diminúe a mortalidade nun 20 %, máis entre as mulleres, o que podería explicarse porque as mulleres se diagnostican en idades máis temperás", entre outros motivos. Nesta liña, a doutora destaca a importancia de elaborar un plan de prevención de cancro de pulmón que non só se centre nel, senón tamén nas enfermidades cardiovasculares, por exemplo. "Son moitos os retos, que empezan por ver como seleccionamos á poboación sobre a que realizar o 'screening', a frecuencia dos estudos, o número de roldas, a diferencia entre os sexos... E todo custa moitos cartos e os recursos son limitados, de aí a importancia de seguir financiando dende a Administración pública este tipo de campañas de detección precoz", expón García Campelo.

Asimesmo, outra materia pendente no que respecta ao cancro de pulmón é a estigmatización que existe sobre o mesmo. "A educación da poboación é clave, porque o cancro de pulmón tamén está asociado a un estigma, ao 'tocoume porque mo ganei, porque fumei', e isto hai que rompelo xa", advirte García Campelo, pois esa non é a única causa, como xa vimos. Ademais, pide empregar a intelixencia artificial como unha ferramenta que poida axudar aos diagnósticos: "A intelixencia artificial chegou para quedarse e podemos buscar algoritmos que nos axuden a saber cando un lóbulo é benigno ou cando ten posibilidades de ser maligno". 

Por outra banda, chama a centrarse na información molecular de cada paciente, na súa xenética, pois "aí está o comezo de todo, e coñecer a bioloxía molecular de cada paciente en etapas precoces da enfermidade pode ser moi útil". "Ninguén dixo que ía ser sinxelo, pero é un camiño cheo de experiencias no que todos os días estamos aprendendo algo novo e o destino é que isto deixe de ser o que é nestes momentos, unha enfermidade cunha mortalidade moi alta, e o cancro de pulmón se convirta nunha enfermidade anecdótica", sentenza a xefa do servizo de Oncoloxía Médica do CHUAC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta