Sindicatos ven "insuficientes" as condicións do ERE de Nueva Pescanova e piden despedimentos "non traumáticos"

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/10/2023 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

Os sindicatos UGT e Comisiones Obreras (CC.OO.) ven "insuficientes" as condicións que expón Nueva Pescanova para as persoas afectadas polo expediente de regulación de emprego (ERE) que pretende pór en marcha e pediron á compañía despedimentos "non traumáticos".

Nun comunicado conxunto, ambas as organizacións instaron á firma a que presente unha oferta "á altura do que merecen os traballadores", ao considerar que eles "non son culpables da situación actual". Por iso, solicitan que se poñan encima da mesa "unhas condicións dignas que permitan de maneira voluntaria poder conseguir o número de baixas que a compañía di que necesita".

Precisamente este martes levouse a cabo unha concentración nas instalacións de Chapela, en Redondela, en apoio á comisión negociadora do ERE. Unha comisión que volverá reunirse esta semana, polo que os sindicatos piden que se atendan as distintas peticións realizadas pola parte social, "que pasan por saídas non traumáticas e en condicións dignas".

"CC.OO. e UGT agradecen o apoio mostrado este martes polos traballadores de Nueva Pescanova. Con el, seremos quen de facer reflexionar á compañía de face a conseguir un acordo que contemple nosas lexítimas reivindicacións", engaden, lembrando que esta é unha semana "decisiva" na negociación, polo que se convocou o mércores unha concentración a partir das 17.00 horas en Abanca, mentres que se desenvolverán dúas xornadas de folga o xoves e o venres, 26 e 27 de outubro.

ERE

Todo iso despois de que a compañía anunciase en setembro a súa intención de pór en marcha un ERE para despedir a 82 traballadores das áreas de soporte de Chapela e de Madrid. Nueva Pescanova presentou aos afectados un plan de acompañamento social co compromiso de recolocar ao 90 % do persoal saínte.

Tamén expuxo diferentes opcións para os traballadores despedidos en función da súa idade. Para as persoas de entre 60 e 63 anos, garantiríaselles o 65 % do salario fixo bruto anual ata os 64 anos. A esta compensación incluiríaselle o convenio especial coa Seguridade Social para manter a cotización naqueles casos que o necesiten, marcando o tope mínimo dunha anualidade e cun tope máximo de 180.000 euros.

De 63 anos en diante, Nueva Pescanova mantén a súa oferta de 20 días por ano, cun tope de 12 meses. Para os menores de 60, a empresa pasa de 20 a 25 días por ano traballado, cun máximo de 15 mensualidades.

Imaxe da concentración deste martes en Nueva Pescanova
Imaxe da concentración deste martes en Nueva Pescanova | Fonte: CC.OO. E UGT

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta