Un mozo de 23 anos acepta 8,5 anos de cárcere por agredir sexualmente a unha menor tras quedar con ela por Whatsapp

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/10/2023 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

Un mozo de 23 anos de idade recoñeceu este martes ser autor dun delito de 'child grooming' (contacto con menores a través de medios tecnolóxicos con fins sexuais) e un delito continuado de agresión sexual a unha nena de 12 anos, polos que aceptou penas que suman 8 anos e medio de prisión.

Así se acordou nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, na que se ditou sentenza, aplicando a atenuante de reparación do dano, xa que o acusado depositou os 18.000 euros de indemnización á vítima.

Ademais da pena de prisión, o tribunal impuxo ao procesado a inhabilitación especial para exercer profesión ou cargo que teña relación con menores, a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 18 anos e a medida de liberdade vixiada durante 10 anos, tras cumprir a pena privativa de liberdade.

Os feitos remóntanse ao ano 2022, cando o acusado e a vítima entraron en contacto nun grupo de WhatsApp, e posteriormente mantiveron contacto a través desa rede de maneira privada. Esas conversacións acabaron con encontros nos que se produciron relacións sexuais.

Acusado por agresión sexual a unha nena de 12 anos acepta 8,5 anos de cárcere, nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo
Acusado por agresión sexual a unha nena de 12 anos acepta 8,5 anos de cárcere, nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo | Fonte: Europa Press

A Fiscalía pedía inicialmente penas que sumaban 20 anos de cárcere, por dous delitos de abuso sexual a menor de 16 anos e por un delito de acceso a menor por medios tecnolóxicos con fins sexuais. Na vista de conformidade celebrada este martes en Vigo, o acusado non se pronunciou acerca dos feitos, e só tomou a palabra para "pedir desculpas". O acusado xa estaba en prisión preventiva por esta causa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta