Ante a desestacionalización dos lumes, o PSdeG pide á Xunta reverter a "eventualidade excesiva" do servizo de prevención

O BNG denunciou en múltiples ocasións a "precariedade" á que a Xunta somete a este servizo que conta con "unha das taxas de temporalidade máis altas de toda a administración".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2023 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O Partido Socialista pediu este martes no pleno do Parlamento de Galicia que se inste á Xunta a reverter a situación de "eventualidade excesiva" do servizo de prevención de incendios. Así o reclamou a través dunha proposición non de lei defendida pola parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta, quen considerou necesario adoptar as medidas necesarias "o máis axiña posible" para que se alcance o grao de estabilidade laboral admisible neste servizo.

A deputada do PSdeG, que iniciou a súa intervención lembrando os incendios rexistrados recentemente na Mariña de Lugo e que obrigaron a desaloxar a veciños, sostivo que estes lumes xa non só aparecen en época estival. "Vivimos xa situacións que desbordan o dispositivo contra incendios", dixo Dacosta, que asegurou que está demostrada a necesidade dunha política activa de prevención e dun servizo "profesional, único e dependente da Xunta".

"Déronse pasos para iso", asegurou para lamentar que, con todo, foron "lentos e insuficientes" para a magnitude do problema polo que destacou que o Partido Socialista presenta iniciativas en positivo. Ademais, aproveitou a súa intervención no pleno para reclamar á Xunta que se reúna cos alcaldes e alcaldesas das zonas afectadas polos últimos lumes da Mariña e de "os pasos necesarios para a recuperación das zonas afectadas".

APOIO DO BLOQUE

Á iniciativa, que será votada na xornada do mércores, contará co apoio do BNG, cuxo deputado Diego Lourenzo defendeu un "servizo profesional, activo os 365 días do ano" e con "un mando único". Ademais, tras soster que a "estabilidade" está "lonxe da desexada" lembrou que o BNG denunciou en múltiples ocasións a "precariedade" á que a Xunta somete a este servizo que conta con "unha das taxas de temporalidade máis altas de toda a administración".

Efectivos da Xunta con base en Becerreá traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal, a 29 de marzo de 2023, en Baleira, Lugo
Efectivos da Xunta con base en Becerreá traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal, a 29 de marzo de 2023, en Baleira, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

A iso engadiu que "resulta especialmente grave a falta de previsión e a perda de tempo da Xunta para facer labores de prevención". "Non vale constituír comisións e grupos de expertos para parecer que se está facendo algo. De nada serve constituír e chegar a acordos mínimos se despois o goberno non os executa", sostivo.

POSTURA DO PPDEG

En fronte, o parlamentario do PP José Antonio Armada rexeitou as críticas da oposición e asegurou que o Goberno galego demostrou "sobradamente" que o dispositivo existente é o que "necesita Galicia". "Porque Galicia nunca tivo un dispositivo tan público, único estable e profesional", manifestou para sinalar que a Xunta traballa coa intención de terminar os procesos selectivos pendentes e asegurar que, se gobernase o PSOE e o BNG, o servizo sería "privado". Así, incidiu en que "non se pode negar o compromiso" da Xunta co persoal, coa xestión do mesmo, cos medios materiais e co consenso cos sindicatos. "Son feitos e non palabras", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta