O futuro da intelixencia artificial: traballar no que "nos agrada" e automatizar o resto

Luis Otero González, catedrático da Área de Economía Financeira e Contabilidade da USC, aporta algúns datos sobre a introdución da intelixencia artificial no emprego. Un 47 % das profesións nos Estados Unidos teñen risco de automatización, fundamentalmente as relacionadas coa labor industrial e administrativa. Falando de habilidades, naquelas profesión como manager ou xestor nas que se require de escoita activa, atención directa e orixinalidade verían diminuído o seu risco de automatización ao 11 %.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O emprego do futuro é algo que está no aire. Non son poucos os traballadores que amosan a súa preocupación pola irrupción da intelixencia artificial nas súas profesións (algúns xa teñen que convivir con iso). Cren que esta lles podería deixar no paro, que substituría as súas funcións ou que faría que aquelo que saben por experiencia ou por aprendizaxe deixe de ser útil. Pero, é todo isto verdade? Son preocupacións fundadas? Luis Otero González, catedrático da Área de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago (USC), fai unha radiografía xeral da situación actual e das previsións de futuro coa introdución da intelixencia artificial no emprego no ciclo de conferecias 'Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?', organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) este días en Santiago.

Intelixencia artificial no emprego
Intelixencia artificial no emprego | Fonte: Commons

"Case todo o mundo ao que se lle pregunta asocia a intelixencia artificial co desemprego", asegura Otero, que, con todo, matiza que "a implantación da intelixencia artificial nos traballos trae consigo unha serie de inconvintes, pero tamén de vantaxas, aínda que posiblemente se estea a poñer o acento nos inconvintes cando as vantaxas e virtudes tamén son moitas". Para velas, invita a pensar nunha intelixencia artificial que faga un diagnóstico: "Diríaslle a unha intelixencia que pode ter un 90 % de posibilidades de acertar que non te opere e que o faga un médico polo método tradicional que pode ter un 50 % de posibilidades de acerto?", plantexa.

En xeral, se algo se ten claro sobre a introdución da intelixencia artificial (IA) no traballo é que esta "aumentará a produtividade dos traballadores". "Iso de que a IA é a electricidade deste século é verdade, porque aumenta a produtividade dos traballadores, o cal non é malo, é positivo, pero a cuestión está en ver despois como se reparte esa produtividade", reflexiona o experto. Pero, de entrada, é bo: "Gustaríavos traballar menos horas no futuro cobrando o mesmo? Gustaríavos que se eliminasen os traballos con alta perigosidade ou que resultan penosos para os traballadores? Ou aqueles como a minaría ou os centros de pintura nos cales os traballadores teñen un alto risco de chegar a padecer cancro? Pois todo iso sería posible se fosen substituídos pola tecnoloxía". 

Aínda que, se todo isto trae consigo unha baixada de rendas ou máis paro, compensa? Otero afirma que "xa hai estudos que comezan a mostrar todo o contrario, aínda que non sabemos se son interesados, e que falan de que lonxe de eliminarse profesións, crearíanse outras novas". "Históricamente sempre se foron eliminando profesións, canta xente traballa hoxe en día na agricultura e canta traballaba nela hai 50 anos? Pero as tecnoloxías introducidas din que poden traer consigo a creación de máis emprego que o que se destrúa", expón o catedrático, que fala, polo menos, de que isto está acontecendo no momento actual, pois non sabemos se un maior desenvolvemento da tecnoloxía no futuro dará lugar a que este poida desenvolver novas tarefas que substitúan ás que fan os humanos en maior medida das que crean. "Pode que cheguemos a vivir nese mundo do Edén onde sen traballar nos repartan unha renda, habendo rendas socializadas", chancea Otero.

"NON FAN FALTA 300.000 OFICINAS BANCARIAS CANDO O CLIENTE A TEN NO MÓBIL"

Intelixencia artificial no emprego
Intelixencia artificial no emprego | Fonte: Commons

Polo de agora, os primeiros estudos de implantación de intelixencia artificial nos empregos falan de que, efectivamente, "hai moito emprego en alto risco de automatización", pero "non definen se iso significa que van desaparecer ou non". "Unha maquina podería facer mellor certo traballo pero ao mellor non o fai, porque ao mellor é imposible de desenvolver dende o punto de vista financeiro, ou porque existe unha regulación que o impide", exemplifica o investigador.

Pero os datos de hoxe en día, publicados no ano 2017 e baseados na implantación desas primeiras intelixencias artificiais dende 2012, amosan xa certos efectos: "A realidade é que o emprego na actualidade segue crecendo, e o desemprego segue máis estancado". Mesmo hai estudos que apuntan a que coa introdución de máis robots nun determinado sector "se incrementou o emprego", aínda que tamén hai os que van na liña contraria e din que se "destruiu, sobre todo nos sectores con alto risco de automatización, nos que o emprego xa crece menos e semella que tende a estancarse". 

Con todo, noutros sectores o que está a suceder é un cambio no modelo de negocio. Por exemplo, no caso do ámbito de especialidade de Luis Otero, a banca, esta avanza cara un modelo totalmente dixitalizado, polo que xa non fai falta ter 300.000 oficinas repartidas por todo o territorio porque os usuarios xa teñen a banca no seu móbil, a un 'click'. Por tanto, na banca é necesario que se introduzan outros profesionais como enxeñeiros de datos ou especialistas tecnolóxicos que poidan traballar na eficiencia desa nova 'banca móbil'. Esta é unha realidade, pero hai estudos que van un paso máis aló, e tentan dar unha perspectiva de que pasará no futuro. "Estes teñen un enfoque máis pesimista, que xa fala de que hai certas ocupacións que van desaparecer", afirma o experto.

"SE VAS TER QUE CONVIVIR COA TECNOLOXÍA, TERÁS QUE FORMARTE"

Cales? Para sabelo é necesario analizar as 'skills' ou habilidades que se precisan para desenvolver cada traballo. Moitas delas pódense automatizar, pero hai outras que non, é dicir, hai algunhas que poderían ser replicadas por unha máquina no posto de traballo, pero outras difícilmente. A conclusión de varios investigadores baseándose nestas habilidades é que "o 47 % do emprego americano ten alto risco de automatización", que non quere dicir, necesariamente, de desaparecer, pero si de que a tecnoloxía chegue a convivir cos seus empregados.

E, como expón Otero, "se como traballador vas ter que convivir coa tecnoloxía pasas a facer o teu traballo de forma diferente, porque xa precisas novos coñecementos ou especializarte en habilidades nas que eres mellor que a máquina". Por exemplo, fala do servizo de atención médica actual, "mediocre, con listas de espera moi longas e diagnósticos tardíos". "Coa tecnoloxía poderíamos mellorar a prestación do servicio, deixando que as máquinas se encarguen de tarefas rutinarias, de papeleo, e os profesionais teñan máis tempo para atender como deben aos seus pacientes", asevera.

Ademais, fai énfase no feito de que un traballo componse de distintas tarefas e, dentro delas, hai algunhas que son automatizables e outras que non. A iso coñéceselle co nome de 'pescozo de botella', a aquelas tarefas ás que a máquina non é capaz de chegar e ter que intervir o humano. Tendo en conta as tarefas, "o risco de automatización xa cae ao 14 % das profesións", porque "hai moitos traballos que contan con tarefas difícilmente automatizables". Un estudio moi recente da OCDE, do ano 2022, xa fala de que a intelixencia artificial podería comezar a automatizar tarefas en entornos non estruturados, é dicir, en entornos con tarefas non tan mecánicas. Con todo, "ata o de agora a tecnoloxía empregábase en traballos moito máis estruturados, ameazando a traballos menos cualificados".

EN GALICIA, TRABALLADORES DA RESTAURACIÓN E VENDEDORES EN RISCO

Analizando 100 habilidades e destrezas laborais conclúese que os traballos que poden ser facilmente realizados por unha IA serían os máis vinculados ao ámbito industrial, a ocupacións elementais como operarios, montadores ou instaladores, entre outros (aínda que hai que ter en conta o nivel de cualificación do empregado: canta máis cualificación menos probabilidade de que o seu emprego corra risco); mentres que outros como manager, avogado, consultor, científico, profesor, supervisor ou xestor, que requiren de percepción, orixinalidade, persuasión ou escoita activa, serían máis complexos. En xeral, "cando vas profesión a profesión analizando as habilidades que se precisan en cada unha, atópaste con que todas teñen bastantes 'pescozos de botella'", asegura o investigador, de xeito que os resultados baixan a un 9 % de risco de automatización do traballo para toda Europa. En España, esta porcentaxe sería un pouco máis alta, do entorno do 11 %. 

No ámbito galego, os estudos apuntan a que os principais sectores que se poderían ver afectados por un elevado risco de automatización serían os traballadores de restauración, os vendedores, o persoal administrativo e os contables. Otero explícao porque "son servizos nos que hai moita xente traballando", mentres que "noutros sectores nos que a IA tamén podería incidir moito xa non contan con tanta xente traballando". Os informes correspondente ao ano 2022 tamén falan de que a intelixencia artificial pegaría con forza no sector da construción e dos transportes. Con todo, unha vez máis é importante resaltar que o nivel de estudos inflúe e resulta fundamental para determinar que traballadores quedarán sen emprego. 

Se introducimos o criterio de idade, Otero explica que os últimos estudos apuntan a que "a intelixencia artificial supoñía un risco maioritariamente para os máis mozos, non tanto para os maiores". Como é posible cando estes deberían ter máis competencias dixitais? "Porque está moi relacionado co tipo de ocupación que teñen, xeralmente os mozos comezan a súa vida profesional desenvolvendo tarefas de administración aínda que teñan moito máis coñecemento", pero "irán evolucionando e pasando a ocupar postos máis altos, de xestión, que teñen menos risco de automatización". Nesta liña mantense o feito de que os mozos con máster ou doutorado teñen menos risco de ser reemprazados por unha IA, mentres que a probabilidade vai crecendo a medida que disminúe o seu nivel de estudos e formación. Por desgraza, o investigador evidencia que "a porcentaxe de xente sen estudos medios ou superiores é moi alta a nivel europeo e esa xente pode sufrir, porque terá que adaptarse a unha nova realidade para a que deberá formarse máis".

CHAT-GPT CRE QUE MÁIS IA SIGNIFICARÁ MÁIS EFICIENCIA, NON DESPIDOS

Pero, que opinan as máquinas sobre esta cuestión? Cren que serán quen de reemprazarnos aos humanos nos nosos traballos? Pois hai respostas de máquinas para todos os gustos, pero Otero fai referencia á que da Chat-GPT, a quen se lle preguntou por 400 ocupacións e se lle pediu que as dividise por tarefas e lles asignase unha probabilidade de ser substituídas pola intelixencia artificial. "Fíxoo de marabilla e en moi pouco tempo", conta o investigador, que debulla os datos: dixo que a IA afectaría máis ao ámbito administrativo, ao bancario ou ao financeiro, e non tanto a outros ámbitos de produción; pero cre que vai ser moito máis importante o impacto que terá sobre o incremento no traballo que sobre a súa automatización, é dicir, que vai haber máis eficiencia no emprego e que non se producirá tanto unha substitución dos empregados. Ademais, cre que será nos países máis desenvolvidos nos que haxa maiores problemas, pois "para implementar unha IA precísanse moitas bases de datos e o acceso ás mesmas e a unha tecnoloxía que os países con baixos ingresos non teñen".

UN 35 % DE EMPREGADOS XA TEÑEN TRABALLOS NOS QUE ESTÁ PRESENTE A IA

Finalmente, é interesante saber o que opinan as persoas, tanto empregados como empregadores. Un estudo de xuño de 2023 realizado no sector financeiro (moi automatizable) e no industrial (onde hai moitas tarefas repetitivas) mostra que tanto empregados como empregadores cren que o impacto da intelixencia artificial dende o punto de vista económico vai a ser moi bo, que traerá consigo satisfacción para o propio traballador, que suporá unha redución dos custes, que incrementará a produtividade e que mellorará as condicións de traballo, deixando que os empregados abandonen tarefas que non lles gustaban e pasen a realizar outras que lles agradan máis, facendo tamén máis seguro o traballo en certos ámbitos nos que podería reducirse o nivel de sinistros, como entre os operarios. 

Os resultados tamén expoñen que o 35 % dos empregados destes sectores xa traballan na actualidade con intelixencia artificial. E vendo esta experiencia, os empregados consideran que aínda que esa IA trouxo cousas positivas, "reduce o emprego" e "síntense preocupados pola posibilidade de chegar a perder o seu posto". Ademais, cren que os soldos poderían baixar e, no ámbito da banca, un 20 % dos traballadores afirma coñecer a outros que tiveron que cambiar de traballo porque perderon o seu tras a introdución da IA. Por outra banda, falan da creación de novas tarefas para o control da propia intelixencia artificial, o que deriva, ás veces, nunha maior intensidade no traballo. "A todos nos pasa que ás veces chegamos ao traballo e como é luns traballamos menos e deixámolo para o martes, pero co control máis directo por parte da IA iso non sería posible", exemplifica Otero, que advirte de que tamén "habería que ver hasta que punto isto pode repercutir na saúde mental do traballador".

Intelixencia artificial no emprego
Intelixencia artificial no emprego | Fonte: Commons
Intelixencia artificial no emprego
Intelixencia artificial no emprego | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta