Pontón sobre o cambio na normativa eléctrica: "Abre a porta de atrás para que as eléctricas burlen a xustiza"

Denuncia que os cambios deixan a Galicia "aos pés das eléctricas" ao permitir que executen con "total impunidade o espolio eléctrico".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2023 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que retire a "fraude legal" que supoñen os cambios normativos introducidos pola "porta de atrás" na lei de acompañamento dos orzamentos que permiten que as eléctricas "burlen" a xustiza.

Nunha rolda de prensa ofrecida este venres no Parlamento de Galicia tras reunirse con plataformas de afectados pola instalación de polígonos eólicos, Pontón denunciou que estes cambios colocan a Galicia "aos pés das eléctricas" ao permitirlles que executen con "total impunidade o espolio eléctrico" e con "absoluto desprezo ao medio ambiente, ao medio rural e ás persoas que traballan e viven nel".

Na súa intervención, a líder dos nacionalistas galegos denunciou que o PP pretende aprobar os cambios no tempo de desconto do mandato, consciente de que vai perder as eleccións galegas. "E por iso está a abrir unha porta traseira para que o lobby eléctrico poida burlar a acción da xustiza" que suspende moitos dos parques que non cumpren a lei, manifestou.

"É un escándalo que no canto de facer cumprir a lei, modifíquea para facerlle un traxe a medida ás eléctricas e, por encima, pola porta de atrás", remarcou para sinalar que só nesta lexislatura o PP modificou por esta vía "máis de 70 leis". A dirixente nacionalista sostivo que esta modificación normativa ten intención de "blindar" os intereses do oligopolio eléctrico ás portas das eleccións, das que se mostrou convencida de que "traerán un goberno decente e liderado polo BNG".

"Ese goberno que aspiro a presidir vaille a parar os pés ás eléctricas e defender o interese colectivo e xeral, o dos galegos e galegas, e non os intereses particulares das enerxéticas", destacou. Pontón defendeu unha transición enerxética xusta e sustentable que non se leve a cabo "á conta de vender Galicia ao lobby eléctrico" e advertiu de que os cambios introducidos pola Xunta na lei de acompañamento traerán consigo "máis inseguridade xurídica".

Por iso, defendeu a retirada desta modificación e considerou necesario abrir un proceso de diálogo co obxectivo de alcanzar un pacto de país que permita planificar a enerxía eólica, un proceso de diálogo para o que o BNG pon encima da mesa un decálogo de medidas que pasan, en primeiro lugar, por ter en conta as necesidades enerxéticas de Galicia, desenvolver un novo modelo desde o respecto ao medio rural e ao medio ambiente, e garantir que os beneficios queden en Galicia.

A iso, a líder do Bloque sumou a necesidade de primar sistemas de xeración de enerxía distribuída e de proximidade, apostar por todas as tecnoloxías e por un mix enerxética fronte ao monocultivo eólico masivo, o desenvolvemento en I+D vinculado co sector e especialmente co almacenamento enerxético e o abaratamento dos prezos da electricidade como zona produtora e excendetaria.

Por último, no ámbito normativo, avogou por desenvolver un novo marco legal que lle da Galicia competencias exclusivas á hora de planificar a súa política enerxética e por declarar o vento ben de dominio público, aplicándolle o mesmo tratamento que ao sector hidroeléctrico, con concesións limitadas no tempo e non limitadas, como ten a eólica.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con plataformas de afectados pola instalación de polígonos eléctricos
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con plataformas de afectados pola instalación de polígonos eléctricos | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta