Os traballadores de Adolfo Domínguez irán á folga

O comité considera unha “tomadura de pelo” a proposta da empresa que reducía de 144 a 134 o número de despedimentos.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 10/06/2015 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O conflito laboral agrávase na principal firma téxtil de Ourense, Adolfo Domínguez. A súa plantilla está ameazada por un ERE que o comité de empresa considera abusivo. Por iso, nos últimos días estanse sucedendo as manifestacións e mobilizacións na empresa e na cidade.

Tenda de Adolfo Domínguez
Tenda de Adolfo Domínguez

Tras estas protestas, a firma téxtil propuxo ao persoal situado en Ourense rebaixar o número de despedimentos, que pasarían dos 144 aos 134, con "27 días" de indemnización por ano traballado, repartido en 16 mensualidades no canto das 14 actuais.

No que respecta ás baixas voluntarias incentivadas, Adolfo Domínguez puxo dúas condicións, consistentes en "ter dereito a veto", para limitar as baixas, e tamén que non accedan os "maiores de 55 anos".

Unhas medidas que foron rexeitadas polo comité de empresa ao consideralas unha “tomadura de pelo". Por iso, avanzou a súa intención de convocar unha xornada de folga que ten previsto celebrar o vindeiro luns.

Os traballadores lamentan que a empresa manteña un ERE con tantos despedimentos e que non teña aceptado as medidas propostas polos sindicatos relativas a incentivar as prexubilacións entre os maiores de 55 anos "porque entendían que saen moi caras" ou manter a liña U en Ourense.

Todas estas propostas foron analizadas nun novo encontro celebrado este martes pola mesa de negociación, na que estaban representantes dos traballadores, asesores sindicais e os servizos xurídicos da empresa, e que estivo precedido dunha concentración de empregados diante das naves centrais.

Polo momento, as centrais sindicais representadas no comité (CC.OO., CIG e UXT) rexeitaron reunirse este mércores coa firma e emprazaron á empresa a que presente "unha nova proposta" este xoves. "Se isto pasase con 144 traballadores de Citroën en Vigo, habería unha convulsión social na cidade", lamentan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta