Unha enquisa de Sondaxe dá a maioría absoluta a Rueda aínda que perdería deputados pola Coruña

O BNG sería a forza máis votada, seguida de PSOE e Sumar. Ana Pontón quixo manter "unha certa distancia" coas enquisas. O PSdeG ve cambios de tendencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2023 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantería a maioría absoluta fronte a un tripartito co BNG, cun 6% de voto por encima do PSOE, segundo a enquisa realizada por Sondaxe.

O traballo de campo deste estudo demoscópico abarca un total de 1.223 entrevistas realizadas entre o 18 e o 26 de outubro. Co cal, os traballos para realizala empezaron un día antes de que o PSdeG elixise como candidato á Xunta a José Ramón Gómez Besteiro. Desta forma, o PPdeG tería unha porcentaxe de voto do 46,1% e 40 deputados --dous por encima dos necesarios para manterse á fronte da autonomía--.

A esquerda tería á fronte á formación nacionalista do BNG con 19 deputados e unha estimación de voto do 25,3%, mentres que o PSdeG situaríase nos 15 parlamentarios, gañando un respecto de 2020, e Sumar reuniría un.

Por provincias, os populares serían a forza maioritaria en todas elas, pero en Lugo e Ourense superarían o 50% dos sufraxios obtendo oito e nove deputados, respectivamente. Con todo, na Coruña perderían dous deputados, que serían os que aumentan o PSdeG e Sumar, con respecto ao 2020 e situaríanse nos 12 e en Pontevedra manteríanse. Pola súa banda, a formación nacionalista mantería a súa liña na Coruña, con sete deputados, en Lugo mantén tres, en Pontevedra mantén seis e en Ourense tres.

VALORACIÓN PONTÓN

Sobre esta enquisa preguntáronlle a Ana Pontón este domingo tras avanzar a súa candidatura para liderar o BNG de cara ás eleccións autonómicas. Neste sentido, a portavoz nacionalista quixo manter "unha certa distancia" coas enquisas, xa que, engadiu, "se algo acabamos de ver é que fallan máis que as escopetas de feira"

Con todo, analizou que ve "unha tendencia clara", cunha forza política (BNG) que "lidera o cambio en Galicia". "Somos a alternativa. Estou convencida de que hai unha inmensa maioría que quere cambio, que sabe que o cambio é clave para o futuro e que a peza que pode mover iso é o BNG. Traballamos con moita forza para que este país faga historia. Para min esta enquisa non cambia nada, é unha enquisa máis", resumiu.

Papeletas electorais
Papeletas electorais | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

VALORACIÓN PPDEG

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu que esta enquisa "deixa claro" que os galegos pensan que Alfonso Rueda é "a mellor opción para traballar por Galicia e para defender a Galicia desde a Xunta".

Así, destacou que a Xunta acaba de aprobar os orzamentos "máis elevados da súa historia" para investir en "estabilidade, nas persoas e no futuro". "E Alfonso Rueda, o líder máis coñecido e máis valorado, é o capitán idóneo para continuar esa folla de ruta", engadiu.

PSDEG VE "CAMBIO DE TENDENCIA"

Para o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esta enquisa mostra "un claro cambio de tendencia en Galicia". Ademais, sinala que o estudo de Sondaxe "non recolle apenas os efectos da resolución das primarias e da proclamación de Besteiro" como candidato socialista á presidencia da Xunta.

A pesar disto, Formoso destaca que o PSdeG é "a única forza con presenza no Parlamento galego que aumenta a súa representación". "É un bo punto de partida para un proxecto renovado da man de Besteiro, que ademais rexistra un grao elevado de conocimento e valoración a pesar de levar oito anos fóra da vida política debido á persecución xudicial á que foi sometido", expuxo Formoso

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta