A empresa Einsa comunica un ERE que permitiría despedir 162 traballadores das Pontes e Madrid

Nas instalacións das Pontes, situadas no polígono de Penapurreira, traballan 227 persoas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2023 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A dirección de Einsa Print comunicou este luns aos representantes sindicais dos traballadores a intención de aplicar un expediente de regulación de emprego (ERE) de extinción que afectaría a un total de 162 traballadores das plantas das Pontes e das oficinas de Madrid. Desde o comité de empresa asegúrase que a empresa de artes gráficas alega "causas organizativas e produtivas" para xustificar a medida.

Agora, a parte social está a analizar a documentación trasladada na reunión deste luns, na que o comité xa reiterou o seu absoluto rexeitamento ao ERE e abordará co persoal as accións a levar adiante.

Así, detallaron que unha empresa como Einsa, "que recibiu máis de 50 millóns de euros en axudas públicas, non pode ter como primeira opción a destrución de 162 postos de traballo sen buscar nin negociar outro tipo de medidas alternativas".

Por iso, o comité tamén reclama ás administracións públicas que "supervisen a utilización deste diñeiro público por parte da empresa, así como a súa implicación activa na procura de solucións que non supoñan deixar na rúa a case o 70% do actual persoal".

CENTROS DE TRABALLO

Nas instalacións das Pontes, situadas no polígono de Penapurreira, traballan 227 persoas, mentres que, nas oficinas de Madrid, só hai 15 empregados, descoñecendo por agora "a afectación concreta en cada un dos centros", pero estimando que "o groso dos despedimentos aplicarase nas Pontes".

Así as cousas, a empresa deu por iniciado o período de consultas e este martes, 31 de outubro, está convocada ás 15,00 horas unha asemblea xeral de traballadores para informar do ERE e acordar "as medidas a levar adiante en defensa da continuidade dos empregos".

Concentración dos traballadores de Einsa Print en maio.
Concentración dos traballadores de Einsa Print en maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta