Agosto foi o mes con máis queixas veciñais en Santiago polo impacto dos peregrinos, en grandes grupos e sen facer gasto

Setembro, con cifras de estadía moi semellantes (170.000 visitantes fronte a 220.000 en agosto) apenas tivo queixas. A concelleira de Turismo de Santiago, Miriam Louzao, ten claro que a diferenza está no tipo de turismo, pois setembro atrae máis ao turismo internacional, máis respectuoso co patrimonio e a natureza da cidade. Segue defendendo a taxa turística como solución a curto prazo.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/11/2023 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O Camiño de Santiago segue sendo unha das principais fontes de ingresos económicos para Galicia. Cada ano, lonxe de baixar o número de visitantes que chegan á nosa terra sube de xeito considerable. A masificación dos últimos anos, de feito, dou lugar en cidades como a propia Compostela a problemas de convivencia entre turismo e veciños que, hoxe por hoxe, estanse a tratar de solucionar. Facer do Camiño un lugar sustentable e máis en contacto coa economía circular non está sendo tarefa sinxela, pero é máis importante que nunca nunha cidade patrimonio mundial da humanidade onde a súa arte e os seus recursos históricos son fráxiles e deben de coidarse para garantir a súa preservación. Como logralo nun mundo no que impera o turismo 'fast food'? 

Peregrinos pasando xunto a unha mesa de picnic
Peregrinos pasando xunto a unha mesa de picnic | Fonte: César Arxina - Arquivo

Dende o Concello de Santiago, participante no V Fórum do Camiño de Santiago 'Fairway' que se está a celebrar estes días na capital galega, a concelleira de Turismo, Miriam Louzao, asegura que a transformación do modelo turístico de Compostela é moi necesaria, pois precísase dun "turismo consciente que aporte maior valor engadido á vida do Concello e teña unha convivencia harmónica coa veciñanza". "Non nos interesa superar cada ano as cifras de turistas do pasado, ese xa é un modelo desfasado que non aporta valor á cidade", afirma Louzao, que destaca o desexo de "devolver o valor engadido, apostando por un turismo máis sustentable no tempo". "Non queremos atraer a centos de milleiros de visitantes dunhas poucas horas que apenas deixan recursos na cidade pero que producen efectos negativos na mesma, queremos que nos visiten doutra forma, que traian tempo, que nos queiran coñecer e que afonden na nosa cidade", conclúe.

Neste senso, a concelleira asegura que Santiago non só é a meta dun Camiño, senón tamén gastronomía, cultura, festas e patrimonio mundial. "Queremos visitantes que queden máis tempo e que se movan por diversos espazos, facendo un maior gasto por persoa e día", afirma, engadindo que estes turistas deben "ser respectuosos coa vida dos veciños, facilitando a convivencia". Con todo, móstrase consciente de que "a transformación do modelo turístico non é tarefa sinxela e non se pode facer a curto prazo", pero "co apoio doutras administracións como Xunta e Deputacións" poderase lograr. "Gustaríanos que estas administracións tamén fixesen unha promoción do noso destino neses termos, non só buscando aumentar o volume de persoas que percorren o Camiño senón buscando o valor engadido que poidan aportar esas persoas que chegan".

Deste xeito, Louzao exemplifica os problemas de convivencia con cifras: "O mes de agosto é con diferenza o mes con maiores queixas veciñais polo impacto do turismo; en setembro as queixas redúcense considerablemente; a pesar de que as cifras das estadías non teñen tanta diferenza: 212.000 estadías en agosto fronte ás 170.000 de setembro". Por que? A concelleira indica que se trata "dun tipo de visitantes distinto: en agosto moitos visitantes chegan en grandes grupos e só pasan unhas horas na cidade, mentres que en setembro hai máis visitas internacionais (100.000 visitantes internacionais en setembro fronte a 75.000 de agosto) e deixan máis gasto na cidade, algo que tamén se ve favorecido pola celebración de congresos e eventos". Isto permite que a evolución da tarifa media diaria nos establecementos hoteleiros pase dos 94 euros en agosto a superar os 100 en setembro, mes de maior internacionalización na demanda, onde chegan mercados de alto valor engadido como o norteamericano ou o xaponés.

Como lograr o avance cara ese tipo de turismo? O Concello de Santiago teno claro, e volve a incidir na necesidade de instaurar a taxa turística, "unha necesidade que se viña detectando dende había anos e na que apenas se tiña traballado ata o momento". "Hónranos recibir cada ano a milleiros de visitantes, e queremos compartir con todos eles, pero debemos manter o legado en óptimas condicións para xeracións futuras, e convidamos ás visitas sostibles e coidadosas co medio natural", afirma Louzaro. A taxa turística semella cada vez máis preto de facerse realidade e, en palabras da propia concelleira, isto "axudará a paliar gastos que o turismo ten na cidade e á redistribución dos recursos que produce entre a veciñanza". "A taxa é fundamental para ter recursos e desenvolver este novo modelo turístico", conclúe.

Mozos peregrinos tras chegar á Praza do Obradoiro
Mozos peregrinos tras chegar á Praza do Obradoiro | Fonte: Arquivo

O CAMIÑO XEROU EN OROSO 1 MILLÓN DE EUROS, O 12 % DOS SEUS ORZAMENTOS

Pola súa banda, tamén no 'Fairway', o diputado delegado do Camiño da Deputación da Coruña, Antonio Leira, centrouse na forza que están a coller dúas rutas xacobeas históricas que discorren integramente pola provincia da Coruña: o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía. "Os peregrinos que realizan estas rutas non só son xente que peregrina, senón que volta aos lugares polos que pasou", advirte, considerando por iso fundamental apoiar aos concellos polos que discorren ambos camiños. "Os peregrinos de hoxe non son como os de finais do século IX, cando comezaron as peregrinacións á tumba do Apóstolo e comezou a crearse unha infraestrutura de acollida no dobre sentido: dende o plano relixioso e dende a iniciativa privada", asegura. Por iso, para dar resposta aos peregrinos actuais, é necesario "que haxa máis servizos nos camiños", pois "estamos a falar de xente de toda clase e condición, dende mozos ata maiores, parados e asalariados, autóctonos e chegados de todas as partes do mundo".

Neste sendo, Leira tamén se mostrou consciente de que o Camiño pode ser unha boa oportunidade para recuperar a economía desta crise da pandemia que se prolongou despois coa chegada da guerra de Ucraína e agora co conflito entre Israel e Palestina: "O Camiño de Santiago supón un 12 % do PIB e máis alá dun 10 % aporta á creación de emprego naqueles concellos polos que pasa". Para que esta grande aportación non se perda é necesario que naqueles concellos polos que transcorre o Camiño se fagan melloras: dende recuperación de fontes, mellora do propio trazado do camiño, sendas peatonais para dar maior seguridade aos viandantes, instalación de novas luminarias... Aínda que Leira tamén é consciente de que "ás veces pasa por lugares que non desexariamos que pasase, como polígonos industrias, porque non nos gusta o que vemos, pero tamén hai que facer por reformalos" na medida do posible. 

Como exemplo, o diputado delegado da Deputación de Coruña fixo referencia ao proxecto Life Water Way, que permitiu colocar fontes por todo o Camiño Inglés cada 6 quilómetros, para dar servizo aos peregrinos e visitantes, para que tivesen unha fonte de auga potable próxima chegada dende pozos que se habituaban para esta actuación. Así mesmo, destaca o poder do Camiño para crear negocio, pois eses pequenos concellos polos que pasa rematan creando todo tipo de negocios en torno ao Camiño: albegues, hostelería, centros de actividades... "Isto fai que os concellos tamén vaian crecendo e gañando en calidade de vida para todos os veciños", sentenza.

Neste punto, e como exemplo do que supón o Camiño para concellos pequenos, Leira destacou algunhas cifras: o gasto total dos peregrinos recibidos en Compostela no 2022 foi de 12 millóns de euros, a súa estancia media foi de seis días, o gasto medio por día foi de 49 euros e as idades foron do máis variado, dende os 25 ata os 65 anos. No concello de Oroso, por onde pasa o Camiño Inglés, con menos de 8.000 habitantes, "o Camiño significou o pasado ano nada máis e nada menos que un millón de euros de recepción por todos os peregrinos que pasaron por el, o equivalente ao 12 % do orzamento municipal, nun concello cun escaso orzamento que a duras penas supera os 8 millóns de euros".

Nunha sociedade como a galega, na que cada vez máis a poboación se concentra nas cidades e van quedando despoboadas as zonas rurais, tamén xoga un papel fundamental o Camiño para fixar poboación. "Na provincia da Coruña estamos ante unha poboación con moitas pequenas parroquias: dos 93 concellos que hai na provincia, 73 teñen menos de 10.000 habitantes, e o Camiño que transcorre por algúns deles fai que creza moito máis ese arraigo á terra, porque paga a pena o lugar no que vivimos", afirma Leira. Iso si, para logralo, é necesario "implicar máis á poboación local, para que a xente deses lugares crea no Camiño e crea nesa convivencia en simbiosis entre quenes visitan o pobo e quenes viven nel", admite.

CADA PEREGRINO XERA O IMPACTO ECONÓMICO DE 2,3 TURISTAS NACIONAIS

Finalmente, o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, asegurou que o estudo de impacto económico realizado pola Xunta en colaboración coa Universidade de Santaigo de Compostela (USC) amosa que "os peregrinos concentran o 2,3 % do gasto turístico de Galicia, o que supón o mesmo impacto na economía que o equivalente a 2,3 turistas nacionais, tanto pola súa estadía como polo seu gasto medio". Así, no que vai de ano xa se superan as 430.000 Compostelas entregadas, a piques de superar aínda sen ter rematado este 2023 as cifras récord de 2022. Delas, algo máis de 134.000 foron recollidas entre os meses de xullo e agosto (o 33 %). Pero tamén está habendo novos récords en inverno, pois durante os cinco primeiros meses do ano repartíronse 118.000 Compostelas, fronte ás 98.000 do ano anterior no mesmo periodo, e un 35 % máis que antes da pandemia.

Así as cousas, a Xunta reserva 66 millóns para investir ata o próximo ano 2027, no que se celebrará o seguinte Xacobeo, nas rutas xacobeas co obxectivo de "velar pola súa esencia", "adaptarse ás novas tendencias de peregrinación" e "manter os niveis de hospitalidade dos galegos". E é que la sustentabilidade nas rutas xacobeas foi incoporada ao plan director dos Camiños en 2015. Merelles incidiu en que de face ao próximo Ano Santo levarán a cabo actuacións en cuestións de xestión ambiental, eficiencia enerxética ou hídrica, así como na sensibilización de peregrinos e residentes.

Promover a compostaxe, mellorar a xestión de residuos nos albergues e establecementos hostaleiros ou fomentar o consumo responsable de auga son algunhas das cuestións nas que a Xunta quere facer fincapé de face ao próximo Ano Santo. "Contamos cun investimento de 66 millóns de euros só para a liña de traballo centrada especificamente no Camiño de Santiago Sustentable, con medidas para a eficiencia enerxética, hídrica, ambiental e tamén para a sensibilización", manifestou Merelles, que resaltou como "clave" estas cuestións para "manter os elevados niveis de aceptación dos galegos ante a actividade turística.

Masificación de peregrinos baixo o Pazo de Raxoi
Masificación de peregrinos baixo o Pazo de Raxoi | Fonte: EFE - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta