O Sergas xa conta co seu Consello técnico asesor en Intelixencia Artificial

O Diario Oficial de Galicia publica este venres a orde pola que se crea e regula o Consello Técnico Asesor en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia e establécese a súa composición, organización e funcionamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2023 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este venres a orde pola que se crea e regula o Consello Técnico Asesor en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia e establécese a súa composición, organización e funcionamento. Este Consello configúrase como un órgano colexiado, no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia, para o asesoramento aos órganos da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e dos seus entes instrumentais, no deseño e na proposta das políticas en materia de intelixencia artificial e xestión do espazo de datos.

Entre as súas funcións, asesorar no desenvolvemento e consolidación de propostas dentro da política da Consellería de Sanidade en materia de intelixencia artificial e xestión de datos ou sobre as medidas a adoptar para garantir un uso seguro e ético da intelixencia artificial e da xestión dos datos, en colaboración coas liñas de traballo establecidas no Nodo galego de intelixencia artificial (nodo galicIA).

Así mesmo, pretende apoiar ao Nodo galego de intelixencia artificial (nodo galicIA) desde o ámbito sanitario, así como coordinar iniciativas presentes e futuras, identificar focos de interese e impacto e elaborar mapas de demanda temperá nesta materia, no Sistema público de saúde de Galicia.

Outros obxectivos son coñecer as estratexias de aplicación da intelixencia artificial, coñecer as propostas de gobernación de datos, propor accións nesta materia que contribúan á consolidación da competitividade das empresas TIC galegas a través das actividades de I+D no conxunto das tecnoloxías habilitadoras dixitais, como a internet das cousas e as redes 5G, a biometría, a computación na nube, o blockchain, a ciberseguridade ou a propia intelixencia artificial.

Tamén impulsar e apoiar a participación en convocatorias nacionais e internacionais nestas materias, valorizar e divulgar as iniciativas postas en marcha nesta materia entre os profesionais sanitarios e outros axentes, así como aqueloutras que lle sexan encomendadas. O Consello estará composto por un/unha presidente/a, e ata un máximo de 16 vogais con formación en materia de intelixencia artificial e ámbitos conexos (dereito sanitario, bioética, entre outros). Mentres, a presidencia do Consello corresponderá á persoa titular da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade ou á persoa na que delegue.

Intelixencia artificial
Intelixencia artificial | Fonte: Commons - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta