Por gcdeportes | Lugo | 17/06/2015 | Actualizada ás 08:49
Dous homes vitais no mellor Lugo da historia, o de Quique Setién. Entre os dous, máis de 5.000 pases na Liga 2014-15, xogando no equipo máis pasador da Liga. Os dous con máis minutos, xunto co capi Manu. O Club Deportivo Lugo anunciou a renovación dos dous galegos donos do medio campo: Carlos Pita, de 30 anos, e Fernando Seoane, de 32. O coruñés, que chegou no verán de 2010, estará catro tempadas máis, ata xuño do 2019, e cumprirá nove cursos consecutivos no Anxo Carro. O compostelán, que leva xa catro tempadas en dúas etapas lucenses, renovou por tres anos máis.
Coas renovacións de Pita e Seoane, titulares indiscutíbeis co adestrador cántabro nas tres tempadas consecutivas en Segunda, o Lugo mantén o temón do equipo no centro do campo. Para o presidente do club, Tino Saqués, “son dous baluartes moi importantes” para o novo proxecto, que estará dirixido por Luis Milla, que será presentaso hoxe no Anxo Carro xunto ao novo director deportivo, Toni Otero.
Pita e Seoane queren seguir medrando nun equipo que consideran xa a súa casa. E ven “ilusionante” o novo proxecto, “un pouco continuista” con respecto aos anos anteriores. “Posesión, fútbol asociativo, saír co balon controlado dende atrás”, foron as premisas que lles trasladou Luis Milla para convencelos de seguir en Lugo; pero con matices para non ser tan previsíbeis en ataque. Tanto Pita como Seoane recoñeceron ofertas doutros equipos, pero apostaron pola continuidade.
“Tes que pór nunha balanza o que te interesa máis, a familia, que levo cinco anos aquí e que estou encantado. Esas cosas pesan máis que o nome que poida ter outro club”, sinalou Pita. “Considero que esta é a miña casa, que como aquí non vou estar en ningures, así que tiven poucas dúbidas”, apuntou Seoane.
Trala renovación dos dous temóns lucenses, queda por pechar a continuidade do capi Manu, o terceiro piar do CD Lugo nos últimos anos. Hoxe será o turno da presentación do agardado Luis Milla, novo adestrador, e de Toni Otero, novo director deportivo. O Lugo de Tino Saqués xa está en marcha.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.