A Lei de Igualdade sairá adiante pese á falta de apoio de BNG e PSdeG: "Unha pena despois de incorporar 63 das súas emendas"

Os populares desmárcanse dunha carta promovida pola Mesa para pedir o apoio á oficialidade do galego en Europa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2023 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O PP de Galicia lamentou que os grupos da oposición (BNG e PSdeG) non mostrasen o seu apoio á Lei galega de igualdade efectiva entre mulleres e homes despois que fosen incorporadas 63 das súas emendas a un texto que foi "enriquecido" con 200 achegas solicitadas durante o seu proceso de tramitación.

Así o declarou o portavoz parlamentario do PP galego, Alberto Pazos Couñago, nunha rolda de prensa celebrada este luns, na que avanzou que esta lei será debatida no pleno ordinario da Cámara autonómica da próxima semana, cuxo orde do día será marcado na xunta de portavoces do martes.

A nova lei de igualdade chega a pleno para a súa aprobación definitiva despois de que o seu ditame recibise luz verde o pasado xoves en comisión grazas aos votos do PP e coa abstención de BNG e PSdeG.

Pazos Couñago criticou que a oposición optase por esta postura despois de que o PP aceptase 63 das súas emendas a un texto que, segundo destacou, conta co aval de "52 entidades representativas" da loita pola igualdade, ademais do CES, o Consello Galego de Relacións Laborais ou a valedora do Pobo.

Segundo o portavoz popular, "Galicia volve ser pioneira" cunha lei que a sitúa "na vangarda" e que "blinda" os dereitos das mulleres en ámbitos como "o laboral, a ciencia, o deporte ou a xestión do lecer e os espectáculos".

CARTA DA MESA

Doutra banda, a preguntas dos medios, o portavoz do PP no Pazo do Hórreo desmarcou ao seu partido da carta promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística que pide aos Estados membro que apoien o recoñecemento do galego como lingua oficial na UE e que foi asinada polos principais representantes de BNG e PSdeG, así como universidades, sindicatos e outras entidades sociais.

En palabras de Couñago, os populares están "a favor" de que o galego ocupe o seu espazo como "lingua histórica" pero non está de acordo en que "se instrumentalice nin forme parte de acordos de partido".

Alberto Pazos Couñago, deputado e viceportavoz do Grupo do PPdeG no Parlamento de Galicia
Alberto Pazos Couñago, deputado e viceportavoz do Grupo do PPdeG no Parlamento de Galicia | Fonte: PPdeG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta