Jácome, o "Puigdemont" que quere facer de Ourense o "Principado de Galicia"

O líder de Democracia Ourensá está convencido de que pode ser chave no futuro goberno da Xunta. Pactará con quen lle asegure a continuidade e tranquilidade na alcaldía da capital e ofreza máis investimentos e orzamentos para a provincia. Alguén podería ver nel a un "Puigdemont, made in Ourense".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 15/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Gonzalo Pérez Jácome quere tamén decidir a política galega. A decisión de presentar candidato aos comicios galegos é un salto cualitativo importante na estratexia do alcalde de Ourense. Xa non lle chega con decidir a de Ourense, onde goberna o concello logo de ser a forza maioritaría e onde condiciona, ademais, o goberno da deputación, tras darlle o apoio ao Partido Popular. Agora quere tamén decidir en Galicia. E é que o obxectivo do líder de Democracia Ourensana (DO) está claro; "transformar a provincia de Ourense, de cincenta a Principado de Galicia". 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mostra o bastón de mando municipal.. Agostime - Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mostra o bastón de mando municipal.. Agostime - Europa Press

Tras os bos resultados colleitados nas pasadas eleccións municipais, Jácome está convencido de que pode dar o salto a Santiago e ser chave nun futuro goberno da Xunta. Os seus case 20.000 votos conseguidos neses comicios en toda a provincia (a maioría, 18.450 e dez edís, na capital provioncial) poderían supor dous escanos na Cámara de repetirse os resultados nas eleccións galegas. En DO mesmo pensan que poden sacar atra tres deputados.

Se as súas previsións se cumpren, Jácome pode, efectivamente, condicionar a formación do executivo en San Caetano, ben sexa cara a dereita ou cara a esquerda. Esta provincia ten en xogo 14 parlamentarios dos que na actualidade 8 son do PPdeG, 3 do PSdeG e 3 do BNG. Pero, a quen pode afectar a entrada de Jácome no taboleiro de xadrez galego?.

VOTOS NO PPdeG E NO PSdeG

Os populares perderon xa un escano nas galegas de 2020 con respecto á de 2016, cando recuperaran o escano perdido en 2012. Pola contra, o PSdeG recuperaba o terceiro escano en 2020 que perdera en 2016 cando baixou dos catro de 2012 a dous. Tamén o BNG o voto do BNG flutuou moito nos últimos comicios. En 2012 tivo un, o mesmo que mantivo en 2016 e en 2020 triplicou o seu resultado ata os tres actuais. En parte, polo trasvase de votos de En Marea en quen 2016 conseguira dous escanos. 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Os votos de Jácome veñen do PPdeG e do PSdeG, principalmente. De feito, nas eleccións locais do pasado ano, os de Jácome roubaronlle os tres edís aos socialistas que foron os principais prexudicados. Pero estes votantes xa foran previamente de Jácome e do PP nos comicios de 2015, onde o PPdeG obtivera dez edís; Jácome, oito e o PSdeG, seis. Polo tanto, son votos fluctuantes que Jácome pensa que pode rendabilizar.

Pero as eleccións galegas non son as municipais. E iso xo sabe o propio Jácome. Ata o momento, a participación de Democracia Ourensana noutras eleccións galegas foi moi modesta. Ás de 2020 non concorreu, pero si as de 2016 onde acadou 7.723 votos; nas de 2012, 4.203; nas de 2009, con 1.066 votos e 2005, con 623. Pero, tras os resultados das municipais, as expectativas son moi altas. DO cre que pode rendabilizar o descontento dos votantes populares e dos socialistas; dos primeiros tras a marcha de Baltar e dos segundos, polo pacto de Sánchez cos independentistas.

OS ARGUMENTOS DE JÁCOME

E cal é o argumento de Jácome para convencer aos votantes... pois, curiosamente, moi parecido ao dos independentistas cataláns, galegos ou vascos, aínda que, neste caso, o seu non é independentismo, é "ourensanismo". "Armando Ojea é o candidato ideal para liderar o proxecto que rescate a Ourense do secuestro orzamentario ao que a Xunta de Galicia someteuna nas últimas décadas, tanto desde os gobernos do PP, PSOE ou BNG", apuntaba este mércores DO na presentación do seu candidato.

Polo tanto, Jácome xa anuncia o que quere pedir se é chave na Xunta, máis diñeiro, máis investimento e máis autonomía fiscal para Ourense, peticións semellantes ás que cataláns e vascos lle fixeron a Pedro Sánchez. O PP xa dixo que darlle máis a Cataluña era darlle menos ao resto das autonomías. Pensará agora o mesmo o PP da proposta de DO con respecto ao resto de provincias galegas?.

Populares e socialistas están, polo momento, tranquilos tras este anuncio. No PPdeG cren que Jácome restará votos ao PSdeG e, aínda que perdan algún escano, iso non impedirá que Rueda siga gobernando, especialmente, agora que o PSdeG, din fontes consultadas, "está en caída libre" tras os acordos cos independentistas cataláns.

No PSdeG, pola contra, cren que Jácome podería conseguir dous escanos pero sería a costa do PPdeG. "Non creo que a nós nos afecte moito porque as eleccións galegas non teñen nada que ver coas locais nin coas nacionais", aseguran dirixentes socialistas de Ourense consultados por GC. 

MANTERSE NO PODER

De feito, tanto populares coma socialistas cren, no fondo, que no actual contexto político o movemento político de Jácome pode non ter grandes repercusións no panorama galego e, aínda que o teña, din, o alcalde de Ourense o que busca con esta decisión é "blindar a alcaldía de Ourense" no caso de que os seus votos sexan decisivos para conformar un goberno de dereitas ou de esquerdas en Galicia. "Pactará con quen lle asegure que se manterá na cadeira da alcaldía", indican. 

O propio Jácome xa dixo que "pactaría co diaño" se facía falla para gobernar Ourense. E acabou pactando co seu "diaño" particular, o ex presidente da Deputación, José Manuel Baltar.  Non só pactou con el. Tamén foi o responsable, en parte, da súa saída da política ourensá. Se o fixo no concello e na deputación co PPdeG, por que non volvería facelo de novo?.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ferroviario

Maxistral. A idea de poñelo nunha silueta a contraluz é simplemente xenial. Así non se nota que... boeno, non se nota. Paréceme que as posibilidades electorales autonómicas de J. están moi sobrevaloradas no artículo, Simplemente, non ten programa.

1 Gamela

Carallo como se moven para quitarlle os votos a Jácome ! Será o PP ou será o PSdG ? Alguén acaba de facerlle a cama a Jácome cun novo partido que dividirá o voto (roubará o voto) a Jácome ! Democracia Galega (quen financia esta operación?) Veremos... https://twitter.com/Ouke_gal/status...