O Concello de Pontevedra critica o "escandaloso" proxecto que Ence pretende levar a cabo en Lourizán

A empresa quere duplicar a súa ocupación nestes terreos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2024 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra criticou o "insólito" e "escandaloso" proxecto de modificación que Ence pretende levar a cabo na súa fábrica de Lourizán co que, segundo o goberno local, a empresa quere duplicar a súa ocupación nestes terreos e levantar distintos edificios e estruturas con alturas que van ata os 70 metros, en contra da normativa municipal.

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, compareceu este xoves en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Local celebrada á primeira hora da mañá. Á marxe dos asuntos incluídos na orde do día, a concelleira explicou o informe técnico de alegacións emitido polo Concello de Pontevedra ante a modificación puntual do proxecto sectorial de incidencias supramunicipal (PSIS) que afecta o asentamento industrial de Lourizán.

Na fase previa de información pública, o Consistorio presentou alegacións e as observacións que considerou pertinentes. Segundo indicou Vilaverde, agora do que se deu conta na Xunta de Goberno Local é do trámite de audiencia, no que foi notificada esta aprobación inicial da modificación das obras que Ence ten proxectadas.

Neste trámite de audiencia, no que se solicita información ao Concello, o que fai a administración local é trasladarlle á Xunta os informes municipais e as informacións correspondentes. O resultado foi un informe "contundente" e "en contra desta modificación", que recolle todas as observacións previas, "todas elas vixentes", á vez que se incorporan outras novas, por mor da información que se puxo a disposición do Concello.

Para a tenente de alcalde, resulta "inaudito" que a Xunta de Galicia "sexa extremadamente estrita cos particulares e as empresas pequenas" mentres que lle resulta "sumamente fácil darlle para diante e admitirlle calquera ocorrencia a Ence, ou calquera cuestión que poña encima da mesa".

"Sáltanse á toureira calquera principio e normativa, incluso a propia, xa que nin lle aplican o POL (Plan de Ordenación do Litoral)", manifestou esta portavoz do goberno municipal. Para o Concello de Pontevedra o proxecto que Ence contempla para Lourizán resulta "escandaloso" xa que "duplicaría a ocupación actual dos terreos ou ampliaría as alturas coa construción de novos edificios que superarían as do edificio máis alto da cidade de Pontevedra".

"Nas informacións que temos fálase da instalación dunha nova liña de astillado de 30 metros de altura, novos digestores de 25 metros, tanques de lejía de 20 metros, reactores de peróxido de 25 metros... ", indicou a concelleira nacionalista. "Algunha torre podería mesmo alcanzar os 70 metros de altura, polo que falamos dun edificio de 20 plantas, totalmente lonxe da normativa desta cidade", engadiu.

"De seguir adiante este proxecto veriamos que o edificio máis alto de Pontevedra constrúese diante da ría, incumprindo calquera tipo de integración paisaxística, normativa de Costas ou esixencia de principios; por non falar da captación de auga, que sería aumentada, nun momento totalmente delicado despois dos períodos de seca que vivimos", concluíu a tenente de alcalde.

Concello de pontevedra
Concello de pontevedra | Fonte: E.P. - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta