A polémica dos eólicos centra o debate da lei de acompañamento: "O servilismo coas portas xiratorias é insaciable"

A oposición arremete contra o uso dun mecanismo para modificar preto de medio centenar de leis e decretos "ás ocultas" e "pola porta de atrás".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2023 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O PP votou en contra das emendas á totalidade de BNG e PSdeG contra o proxecto de lei de acompañamento (de medidas fiscais e administrativas) aos orzamentos galegos de 2024, que agora continuarán coa súa tramitación parlamentaria. Entre os diferentes cambios normativos que se inclúen, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, referiuse a declarar de "interese público superior" aos proxectos eólicos "conforme" á regulamentación europea e á normativa comunitaria.

Protesta ante o Parlamento de 'Eólica así, non'. ADEGA
Protesta ante o Parlamento de 'Eólica así, non'. ADEGA | Fonte: Europa Press

Garante que esta medida "non supón ningún tipo de menoscabo" ás garantías de avaliación ambiental. Tamén expón a importancia das renovables nun momento de "carestía enerxética" e para a redución da factura eléctrica. En cambio, Luís Bará (BNG) alerta de cambios "absolutamente transcendentais" no sector eólico "sen as máis elementais garantías democráticas" ao non consultar ao Consello Económico e Social (CES). "Só consultan á patronal porque a patronal é a que lle dita as leis", espeta, sobre "medidas para favorecer o espolio eólico".

Denuncia que o PP busca facilitar proxectos que "teñen gran resistencia social polo abusivos que son", pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "paroulle os pés" e "están a facer agora unha infame campaña de acoso" para "tentar intimidar" aos xuíces. Reproba que modifican a lei para "condicionar a interpretación de tribunais de xustiza" co fin de que o TSXG "non poida actuar". "O nivel de servilismo coas portas xiratorias é absolutamente insaciable", agrega.

Así mesmo, Gonzalo Caballero (PSdeG) cargou contra un modelo enerxético "errado" da Xunta. Avoga por que "eólica si", "pero non vale de calquera xeito", "metendo pola porta de atrás" cuestións que "non teñen que ver cos orzamentos". Mentres, Raquel Arias (PP) afirma que a aposta por renovables é unha "obrigación", xa que Galicia "necesita enerxía máis barata" e que "respecte o medio ambiente". Incide que non haberá un "menoscabo" ás garantías ambientais.

Precisamente, decenas de persoas, convocadas pola coordinadora Eólica Así Non, concentráronse esta tarde de luns ante o Parlamento para manifestar o seu rexeitamento contra o "golpe lexislativo" que propón o PP na lei de acompañamento de declarar aos proxectos eólicos de "interese público superior". Denuncian que se busca "sortear" as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que están a suspender proxectos eólicos "ilegais".

"PLENAMENTE AMPARADO" POLO TC

Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, defendeu que o mecanismo de lei de acompañamento está "plenamente amparado" polo Tribunal Constitucional, á vez que busca "alcanzar maior eficacia e eficiencia" en medidas fiscais e administrativas. Modifica máis dunha trintena de leis e máis dunha decena de decretos.

Como novidades, na declaración do IRPF de 2024, as familias con dous fillos xa poderán deducir 250 euros, dedución que ata agora tiñan as familias numerosas e que agora se duplica, ata os 500. Ademais, por cada fillo a maiores, a partir de tres, esta dedución incrementarase noutros 250 euros.

En canto ao imposto de transmisións patrimoniais, o próximo ano rebáixase un punto o tipo xeral para a compra de inmobles usados (pasa do 9 % ao 8 %), que se suma a outro punto que xa se baixou en 2022; rebáixase máis da metade o imposto para a compra de vehículos usados (do 8 % ao 3 %) e elimínase o imposto para as compras de vehículos cualificados de baixas emisións. Outros temas que destacou foron a posta en marcha dunha oficina económica como "porta de entrada única" á administración, "mellorar" a situación persoas en dependencia ou dar cobertura ao proxecto Xenoma Galicia.

O proxecto da lei de acompañamento inclúe decenas de modificacións en normativa autonómica, entre a que están medidas como regular a participación dos municipios na xestión dos servizos VTC, accións especiais de contratación de interinos para a dispoñibilidade de persoal sanitario, así como modificar a recente lei de xogo para que os bingos que se fan en residencias de maiores e asociacións culturais poidan ter premios maiores.

"AUTORITARISMO" E "ÁS OCULTAS"

O deputado nacionalista Luís Bará tachou a lei de acompañamento como unha "mostra clarísima de autoritarismo do PP", e "este ano superaron xa todas as marcas" ao modificar "36 leis e 11 decretos" que "queren coar pola porta de atrás". Asegura que esta "vai ser a última vez" que se vai a aprobar un procedemento "absolutamente perverso", posto que o BNG "desde a presidencia da Xunta non vai utilizar este procedemento "torticeiro". Avisa de multitude de recursos xudiciais "por todas as chapuzas que están a facer".

Bará reproba que se vaia a pagar medio millón a "grandísimas empresas" se un proxecto tarda máis dun ano en tramitarse. "Non teñen vergoña", clama. Asegura que o Goberno autonómico é o "felpudo" de grandes lobbies. Tamén se referiu á "emenda á totalidade ao señor Conde" que fai María Jesús Lorenzana "de toda a política industrial", "un divorcio en toda regra", mediante a creación dunha oficina única económica que implica recoñecer que os instrumentos creados "non serviron para nada".

Gonzalo Caballero (PSdeG) reprocha os orzamentos como unha "oportunidade perdida" e esixe retirar esta lei de acompañamento que non pode apoiar "pola forma nin polo fondo", nun "uso abusivo" pola "porta de atrás". "Veñen a zarandear o marco normativo", advirte, para modificar "preto de medio centenar" de leis e decretos.

Acusa a Alfonso Rueda de que "foi moito máis alá do que se atreveu Feijoó" ao rebaixar máis o imposto de patrimonio, ao que "quere gañar pola dereita". O deputado socialista denuncia que esta lei de acompañamento "implica regresividade fiscal", un "fracaso" no modelo industrial e enerxético, ademais de "favorecer a entidades próximas ao PP".

PP: "NON IMOS A DEIXAR QUE ESE DIÑEIRO SE VAIA A MADRID"

En cambio, Raquel Arias (PP) sostén que ten a "sensación de vivir no día da marmota" debido a unha oposición "triste, cinza, dun país lúgubre, sen ningún futuro". Tamén se referiu a a decisión do PPdeG de emendar a lei de acompañamento co obxectivo de que Galicia quede o que recade do imposto ás grandes fortunas (toda vez despois do pronunciamento do Constitucional acerca da súa legalidade). "Non nos queda máis remedio que aceptar que nos rouben as competencias", di Arias, pero avisa: "Non imos deixar que ese diñeiro se vaia para Madrid e acabe sabe dios onde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta