IV Gala da Igualdade en Verín

Será o 24 de novembro e está organizada pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) en colaboración co Conservatorio Profesional de Música e a área municipal de Cultura, Festexos, Turismo e Conservatorio do concello.

Por Galicia Confidencial | Verín | 23/11/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Baixo o lema "Medrando en Igualdade coa música”, este evento musical a prol da igualdade --que está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade-- convida a toda a comunidade da comarca de Verín a sumarse a unha velada musical única.

Presentación da Gala da Igualdade de Verín. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentación da Gala da Igualdade de Verín. Foto: Prensa Concello de Verín.

A gala será presentada polo destacado músico verinés Álvaro Rúa, acompañado polos seus compañeiros e membros da banda de Gaitas Nova Era, e dará comezo ás 19:15 h. No que respecta ao programa musical, abrirán o acto a compositora María Mendoza e a voz de Shaila González e pechará o encontro o grupo musical "The Tetas" Van.

Destaca tamén a participación da reputada artista e investigadora do patrimonio musical Mercedes Peón, a quen se lle dedicará unha das aulas do Conservatorio Profesional de Verín en recoñecemento á súa destacada contribución ao mundo da música. Peón tamén terá unha participación activa na gala, na que --a través de dous dos seus videoclips-- amosara aos asistentes como é o seu proceso creativo.

Ademais do anterior, presentarase a xa cuarta edición de Revista Alborada Violeta, unha publicación que ofrece un contido diverso con artigos de destacados profesionais e artistas locais vinculados ao ámbito musical, e desvelarase un mural de gran formato creado polo artista local Alex Araujo, titulado "Eterna sinfonía", que engadirá un toque artístico e visualmente impactante ao evento.

Dende a ANPA agradecen a colaboración do Concello de Verín na organización deste evento que se consolida ano a ano, e destacan o papel do Conservatorio de Música de Verín, engadindo respecto deste último que "converteuse nun espazo educativo comprometido coa promoción de valores de igualdade".

A Gala concluirá cun momento de convivencia no que os asistentes gozarán de chocolate con churros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta