A Xunta estuda pedir a declaración das rías como zona catastrófica debido á mortaldade de marisco

Así o dixo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante unha comparecencia no Parlamento para responder a unha interpelación formulada pola deputada do BNG Rosana Pérez sobre a alta mortalidade do marisco nas rías galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2023 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar estuda a posibilidade de pedir ao Goberno central a declaración das áreas das rías galegas afectadas pola diminución da salinidade polas choivas, que levou unha alta mortaldade do marisco, como zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de Protección Civil, o que se coñece como zona catastrófica.

Así o dixo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante unha comparecencia no Parlamento para responder a unha interpelación formulada pola deputada do BNG Rosana Pérez sobre a alta mortalidade do marisco nas rías galegas.

A interpelación arrincou a sesión de tarde do pleno con media hora de atraso, despois de que se anulase a anterior, que debía responder a Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, pola incomparecencia desta por un "desaxuste na axenda".

SITUACIÓN DAS RÍAS

Durante a interpelación a deputada do BNG Rosana Pérez chamou a atención sobre as consecuencias que está a ter para o sector marisqueiro a alta mortaldade de ameixa e berberecho, especialmente no caso das rías de Muros e Noia.

Ademais das choivas torrenciais, que levan unha diminución na salinidade das áreas de cría de marisco, Pérez chamou a atención sobre os efectos do "baleirado dos encoros", para o que pediu unha regulación e "o pago de indemnizacións por parte das eléctricas cando non se cumpran as condicións" e dánese, con iso, aos produtores de marisco.

Do mesmo xeito, a deputada nacionalista lembrou que a situación non se produciu só este último mes, se non que se trata de "eventos recorrentes" que precisan da Xunta "unha investigación exahustiva do que pasa e non parches puntuais" e atención específica ao cambio climático e as industrias "contaminantes" en liña de costa.

Na súa resposta, Villares comprometeuse a "tomar as medidas que sexan necesarias co fin de recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros", partindo "sempre do consenso co sector e contando co aval científico.

Para paliar a situación actual de perdas, engadiu, a Xunta está "a explorar diferentes vías de actuación" naquelas áreas afectadas polos temporais de choiva, nas que se produciu unha elevada mortaldade de ameixa e berberecho. Entre as opcións que están "encima da mesa" está a de pedir ao Estado a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de PC, o que permitiría acceder a compensacións.

Na actualidade, engadiu, están a solicitarse os datos e realizando os informes precisos para definir as zonas nas que se podería aplicar este tipo de medidas, o que considerou "medidas excepcionais para unha situación completamente excepcional".

COMPENSACIÓNS

Coa situación da Ría de Muros-Noia como eixo da pregunta, o conselleiro ha recordaod que "desde o primeiro moemnto" a Xunta púxose "a disposición do sector para financiar a parada temporal da actividade", aínda que tendo en conta que é necesario cumprir as condicións do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para o outorgamento de axudas.

Alfonso Villares explicou que, para articular as axudas, "é imprescindible" que o Goberno central publique o Real Decreto que o habilita, ao regular as paradas definitivas e temporais. Por iso, reclamou "celeridade" ao Executivo central.

O conselleiro lembrou que a frota do cerco "leva esperando desde comezos deste ano" a que se publique esta mesma normativa para poder percibir as axudas pola parada a que se viron forzados boa parte dos barcos pola imposibilidade de saír a faenar para capturar xurelo.

ELEVADA TEMPERATURA E MÁIS AUGA

No conxunto das rías, entre maio e o pasado outubro, observouse unha elevada temperatura superficial da auga e, a partir de mediados do mes pasado e ata a primeira semana de novembro, o tren de borrascas que atravesou Galicia provocou intensas choivas e descensosacusados de salinidade que, en moitas zonas, alcanzaron niveis de compromiso para a viabilidade dos moluscos, xa debilitados a causa da tensión térmica.

A ría de Muros e Noia, lembrou o conselleiro, xa resultara moi afectada os temporais de finais de 2022 e inicios de 2023, o que levou as varias vedas ao longo deste ano. A inviabilidade económica motivou o precipitado peche da campaña e dos bancos marisqueiros desde o pasado 2 de novembro, a peticiónde a confraría noiesa.

No caso da parada temporal da actividade por circunstancias extraordinarias, o conselleiro apuntou que existe un réxime específico de protección dentro da Seguridade Social que facultael cobro dunha prestación económica mensual. Villares recoñeceu que para a súa concesión "existe unha longa lista de requisitos", pero mostrou o seu compromiso de colaborar co Instituto Social da Mariña para que estas prestacións sexan accesibles a todos os profesionais afectados.

ENCOROS

En relación coa xestión dos encoros durante os episodios de intensas choivas como os rexistrados, o titular de Mar manifestou que se está traballando, xunto a Consellería de Infraestruturas, coa empresa que xestiona o encoro do Tambre para redefinir o protocolo de actuación ante a apertura das comportas.

Alfonso Villares apuntou que se espera ofrecer pronto unha resposta en firme sobre esta cuestión, que está a demandar a confraría de Noia, de face a que se lles facilite unha comunicación temperá da evacuación das augas almacenadas.

Tamén quixo deixar claro que, ante altas precipitacións como as sufridas, os encoros "xogan un papel importante na regulación do caudal dos ríos", pois evitan que toda a auga procedente das choivas "vaia a parar ao mar de golpe".

Marisco chegado á praia de Testal, en Noia
Marisco chegado á praia de Testal, en Noia | Fonte: Manuel María Candamo - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta