Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 23/11/2023 | Actualizada ás 17:21
Outro día no que os corredores do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) se amosan colapsados. A xornada deste xoves estivo novamente marcada por alo menos unha ducia de pacientes, algúns en padiolas e outros en cadeiras de rodas, cos seus respectivos acompañantes, que tiñan que agardar durante horas nos corredores de urxencias por estar saturado o espazo reservado para eles. Mesmo os técnicos das ambulancias que chegaban atopábanse con problemas para poder deixar aos pacientes novos. Deste xeito, apenas quedaba un oco ao lado dos enfermos para que os médicos puidesen pasar. Así pode verse nun vídeo difundido pola Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.
Lamentablemente, xa son moitas as ocasións nas que sucederon cousas similares. O pasado mes de outubro tamén houbo un pico de atención a pacientes, nunha tarde na que se chegaron a atender case 450 persoas, que deixou a moitas cadeiras de rodas e padiolas nos corredores, "vulnerando os dereitos á intimidade e dignidade", segundo denunciaba a asociación. Aquel día as cousas empeoraron ata o punto de que ás tres da tarde xa eran 24 os pacientes graves que estaban á espera de ser trasladados a planta. A asociación denuncia que "o que debería ser unha saturación excepcional estase a convertir en normalidade", e culpa directamente á xerencia do hospital.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.