Pontevedra quere máis

O equipo granate celebra o ascenso a 2ªB coa cidade pero pensa xa no obxectivo de consolidarse na categoría para dar o salto a Segunda a medio prazo. “Imos ser un club modesto con aspiracións”, di Lupe Murillo.

Por gcdeportes | Pontevedra | 30/06/2015 | Actualizada ás 09:02

Comparte esta noticia

Despois de catro anos no pozo da Terceira, Pontevedra puido ao fin celebrar co seu equipo o ascenso a Segunda B. Co obxectivo cumprido, o equipo granate rematou a tempada cunha longa xornada de festexos: foto oficial en Pasarón, recepción na Deputación e no Concello, comida de equipo e fin de festa na praza da Pedreira cos afeccionados.

O Pontevedra, con Lupe Murillo tirando de Luisito e Louzán, na Deputación.
O Pontevedra, con Lupe Murillo tirando de Luisito e Louzán, na Deputación. | Fonte: @PontevedraCFSAD

Era un día de celebracións, pero moitos dos protagonistas xa fixeron referencia á obriga do Pontevedra a subir un chanzo máis, a Segunda División, por onde tivo un paso efémero na tempada 2004-05 despois de 27 anos sen pisala.  

“Temos unha débeda do pasado que hai que amortizar. Imos ser un club moi modesto na Segunda B, pero con aspiracións”, dixo a presidenta Lupe Murillo trala foto oficial no céspede de Pasarón. "Hai que estabilizar o equipo na Segunda B, e ao mellor dentro dunha tempada ou dúas, tentar dar un paso máis”, dixo, cos pés no chan, o adestrador Luisito. “Isto é o principio dos pasos pequeniños que temos que dar, pero pasos firmes, e esperemos que isto non quede aquí", dixo o técnico, o máis aclamado pola afección, xa dende o balcón do pazo de Mugartegui.

Foi o alcalde, Migual Anxo Fernández Lores, quen tras lembrar as dificultades superadas polo club, recolleu o sentir da afección: “Agardo que os próximos anos poidamos ascender a Segunda, que é onde realmente debe estar o Pontevedra. Temos unha afección que o domingo demostrou que quere que o Pontevedra estea na Segunda División. Aupa Pontevedra!”

Na recepción na Deputación, o aínda inquilino, Rafael Louzán, apuntou: “Seguramente a meta do Pontevedra non está escrita na división de bronce do fútbol español, seguramente está máis arriba”. Lupe Murillo recoñeceu que sen a Deputación, principal patrocinador do club, o Pontevedra hoxe en día non existiría.

Foto oficial do Pontevedra do ascenso en Pasarón.
Foto oficial do Pontevedra do ascenso en Pasarón. | Fonte: @PontevedraCFSAD

Para afrontar a volta a Segunda B e consolidarse na categoría, o club granate deberá reforzarse, pero a presidenta confía no grupo actual: “Coido que o 80% dos xogadores ten contrato en vigor, pois fichámolos por dous anos”. Para dirixir o grupo, José Luís Míguez, Luisito, quen conectou moi ben coa presidenta, que o mesmo sábado, na rolda de prensa tralo ascenso, xa anunciou a súa continuidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta