'Galiza, un futuro sen carbón' transformase na plataforma ‘Galiza sen Gas’ para pedir o fin desta fonte enerxética

Logo do peche definitivo das centrais de carbón galegas a plataforma ‘Galiza un Futuro sen Carbón’ refúndase para lograr o abandono do gas fósil antes de 2035.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/11/2023 | Actualizada ás 10:47

Comparte esta noticia

Co apagado definitivo da central de carbón das Pontes en outubro pasado, a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” viu cumprido o seu obxectivo de pór fin ao uso do carbón na nosa terra antes de 2025. Agora, xusto cinco anos despois do seu nacemento, transfórmase en “Galiza sen gas” para demandar o abandono do gas fósil antes de 2035. 

Plataforma Galiza sen Gas
Plataforma Galiza sen Gas | Fonte: remitida

"O fin da xeración eléctrica con carbón foi un enorme logro climático do que nos felicitamos", apunta nun comunicado. Así, a caída do 95,5% na produción das centrais térmicas de carbón acontecida entre 2018 e 2021 foi, de lonxe, a causa principal do descenso do 34% nas emisións galegas de gases de invernadoiro no mesmo período (2021 é o ano máis recente con datos oficiais sobre as emisións).  

Porén, o atraso na transición enerxética está a facer que unha parte importante do oco deixado polo carbón na produción eléctrica sexa ocupado polo gas fósil, tamén chamado gas natural. Segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o consumo galego de gas fósil medrou o 47,4% entre 2016 e 2021, sobre todo na xeración eléctrica. O gas  é o combustible fósil máis empregado hoxe en Galicia, tanto na xeración eléctrica como na de calor.

Por iso, esta nova plataforma ten como obxectivo reducir a dependencia desta fonte de enerxía. No seu manifesto fundacional “Galiza sen gas” proponse catro grandes obxectivos entre os que está que se deixe de queimar gas fósil para producir electricidade antes de 2030, o peche da regasificadora de Mugardos antes de 2030 e o abandono inmediato por parte da Xunta do accionariado de Reganosa, a prohibición inmediata das importacións de gas obtido mediante “fracking” e a oposición ao posíbel hidroduto Guitiriz-Zamora, que se integraría no proxecto H2Med.

A plataforma Galiza sen Gas está integrada inicialmente por Amigas da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Ecoar Global, Federación galega de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) e Verdegaia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta