Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2023 | Actualizada ás 18:58
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu ao Goberno que lidere "unha actitude internacional firme" de condena a Israel e que "paren o xenocidio do pobo palestino". Fíxoo durante a comparecencia do ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares no Congreso. Concretamente, solicitou que se pida un cesamento do lume "inmediato", romper relacións diplomáticas co Estado sionisa, reclamar "o fin do apartheid e da ocupación", así como "recoñecer dunha vez ao Estado palestino".
Por último, "en aras de facer xustiza", Rego esixiu a Albares apoiar ao pobo palestino "por todos os medios e levar a Netanyahu e a cúpula sionista á Corte Penal Internacional para que os crimes de guerra non queden sen castigo".
"Este conflito non empezou o pasado día 7 de outubro. Comezou hai máis de 100 anos coas migracións, especialmente en Europa, promovidas polo movemento sionista a terras palestinas", sinalou o deputado nacionalista. Considera Rego que a Israel, "que leva 70 anos burlando todas as resolucións da ONU", permíteselle "o que non se lle permite a ningún outro estado, especialmente se non é amigo dos Estados Unidos".
Así mesmo, Rego denuncia que o Goberno español confirma a compra de misiles de fabricación israelí e continúa o comercio de armas con Israel. "Cesen de inmediato o comercio de armas con Israel e da totalidade de produtos que procedan dos colonatos ilegais en Palestina", demandou.
"Ao noso xuízo, aínda que se diferencia dunha dereita e ultradereita que apoia incondicionalmente os crimes de Israel, o Goberno do Estado está a ter unha postura realmente morna e inadecuada. A reacción airada do Estado israelí só demostra que non está adoitado recibir ningunha crítica, por moi matizada que sexa", censurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.