Coñecemento ou emoción? É ese o debate?

Despois da última achega do Informe PISA da OCDE, volve o eterno debate educativo. É axeitado o actual modelo, froito das novas tendencias pedagóxicas? Nesta columna tento reflexionar sobre algunhas destas cuestións, reivindicando o coñecemento “per se”, non orientado unicamente ao desenvolvemento laboral posterior. Asumindo, ademais, que as emocións e os sentimentos son moi importantes, pero non deben substituír á importancia do currículo.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 13/12/2023

Comparte esta noticia
Hai moito debate estes días, queridos e queridas, asociado ao modelo educativo e a moitas das súas particularidades. E isto ten maior intensidade despois dunha nova entrega do Informe PISA que, por moito que o queiramos edulcorar, non deixa en bo lugar ao coñecemento dos nenos e nenas españois e, en particular, dos galegos. Non quero entrar agora na análise deste informe, porque xa hai na rede suficientes artigos sobre isto, de calidade contrastada, que poñen o acento sobre as eivas e os riscos do actual momento educativo. Non, a miña proposta de hoxe é máis unha columna moi centrada na pregunta que fago no título da mesma. Importan máis os coñecementos ou, como se di desde a nova pedagoxía moitas veces, as emocións e as experiencias? Ese o meu punto de partida.
 
E, miren, son dos que cren que moita de tal pedagoxía moderna faise desde un importante descoñecemento do miolo de cada unha das disciplinas sobre as que a mesma pontifica e toma decisións. Cómprolle á dita renovación pedagóxica as ideas de que é preciso un certo benestar emocional para poder ter éxito nos procesos de aprendizaxe, entendido este como a adquisición efectiva dos saberes e competencias que son propios de cada nivel educativo. Pero quedar aí, asumindo que o núcleo de tal exercicio é sobre todo de corte emocional, creo que non responde ao conxunto de obxectivos da praxe educativa. Para aprender o máis importante é o traballo persoal, e isto sempre requirirá de horas de dedicación e dunha actitude que non pode ser mera contemplación, pasividade ou xogo... Un certo nivel de esforzo é sempre fundamental, e os educandos teñen que ser parte activa no seu labor de aprendizaxe.
 
Ademais, creo que no sistema educativo vixente menosprézase bastante a capacidade de aprendizaxe dos educandos co que, consecuentemente, baixase sistemática e continuamente o listón dos currículos, que cada vez son moito máis magros en contidos. E sobre isto, mirando ao mar, si que non concordo. Penso que os rapaces e as rapazas teñen moita máis capacidade de entender as cousas que o que se lles pide agora, pero ao estaren sometidos a tal proceso de rebaixa curricular, cada vez están menos preparados para afrontar retos intelectuais de orde superior. Hai moitos exemplos, pero poñerei un. Teño, por exemplo, un bo número de amigos profesores de universidade, no eido das matemáticas, desesperados porque o nivel en cálculo diferencial e integral do seu alumnado é francamente baixo, pobre ou inexistente cando ingresan na educación superior. E, tomen nota, estamos falando de rapaces e rapazas que, en Galicia ou noutras comunidades, superaron o segundo curso de bacharelato e, por riba diso, pasaron o filtro da ABAU. Pero que, aínda así, non conservan tres meses despois as habilidades suficientes nese campo concreto como para poder aplicalas e, así, poder avanzar no coñecemento segundo o currículo de materias como Cálculo ou Métodos Matemáticos das devanditas titulacións. Todo un problema, créanme. O mesmo que tratar de explicar a lóxica dos campos eléctrico, magnético ou gravitacional no Segundo de Bacharelato tendo que prescindir do devandito cálculo integral, ou sen ter unhas mínimas nocións da teoría xeral de campos. Todo isto, que si era abordado con certa elegancia e éxito en edicións pasadas do currículo de tal nivel, agora faise moito máis como profesión de fe, sen ferramentas axeitadas para a súa explicación en condicións.
 
Por outra parte, existe unha importante presión por parte da sociedade e, a partir de aí, tamén da Administración – Comunidades Autónomas ou a Central - para que o práctica totalidade das e dos educandos pase os filtros da superación de cada curso. Tal fenómeno abonda aínda máis no xa comentado feito de que os contidos pasen a un segundo plano, primándose outras cuestións que máis teñen que ver coas emocións ou cos sentimentos, e non tanto co aprendido ou non. Reitero que para min as emocións e os sentimentos son moi importantes, pero tamén penso que unha educación que non ten como prioridade a comprensión e adquisición efectiva de contidos concretos quédase a medio camiño e non chega.
 
A atención á diversidade é a gran materia pendente na educación porque, ademais de figurar en tódolos papeis, precisa importantes recursos que non sempre están a disposición dos centros educativos. Faltan profesores de apoio e en particular especialistas en pedagoxía terapéutica -os chamados PT- que poidan axudar aos rapaces e ás rapazas a superar as dificultades e as barreiras. De xeito moi particular, por exemplo, as idiomáticas nos casos nos que aos centros son derivados nenos e nenas con competencia lingüística nula en castelán e galego, procedentes doutros países, e que son adscritos a niveis ordinarios e non a grupos específicos de adquisición da lingua.
 
Hai moito camiño por percorrer no eido educativo, e seguramente este sexa un dos ámbitos nos que son máis necesarios grandes consensos, por riba das siglas de cada partido e con miras amplas, con políticas baseadas nas teorías, pero sobre todo na experiencia da práctica docente e contando expresamente cos e coas docentes. É un camiño apaixonante, que ten que dar solucións reais ao dereito e á obriga de nenos e nenas a unha educación de calidade. Percorrémolo xuntos todos e todas? Penso que non hai outra opción...
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Estudante nunha clase de instituto
Estudante nunha clase de instituto | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.