O PPdeG urxe ao Goberno a impedir a suba de peaxes na AP-9 e na AP-53, que podería ser de case un 5 %

O PPdeG rexistrou no Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que demanda ao Executivo central que non permita a subida das peaxes da AP-9 e a AP-53 a partir do 1 de xaneiro, "seguindo o exemplo do Goberno galego" de conxelar as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2023 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

O PPdeG rexistrou no Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que demanda ao Executivo central que non permita a subida das peaxes da AP-9 e a AP-53 a partir do 1 de xaneiro, "seguindo o exemplo do Goberno galego" de conxelar as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica.

O portavoz do Grupo Popular en Infraestruturas na Cámara galega, José Manuel Balseiro, lamentou que "todo parece indicar que a AP-9 e a AP-53 volverán comezar outro ano como as máis caras de España". Ademais, asegurou que o Goberno do PSOE, apoiado por Sumar e o BNG, "prima os intereses da concesionaria por encima dos intereses dos galegos".

Balseiro tamén explicou que as peaxes da AP-9 "poden elevarse case nun 5 por cento o próximo un de xaneiro", debido á previsión á alza do IPC e a aplicación da subida do un por cento acumulativo durante 20 anos polas obras de ampliación da autoestrada, que atribúe a dous ministros socialistas.

O popular tamén considerou "urxente" que o Executivo deixe claro o que pasará o próximo ano, e se aplicará algunha medida compensatoria, "como fixo a Xunta, para paliar a subida das tarifas derivadas do IPC nas autoestradas da súa competencia". Balseiro recalcou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten reservados 4,8 millóns de euros nos orzamentos 2024 para conxelar as peaxes das autoestradas A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona para evitar que os usuarios teñan que afrontar a subida do IPC.

Neste contexto, máis aló do incremento previsto desde o 1 de xaneiro, cabe lembrar que o acordo entre PSOE e BNG para a investidura de Pedro Sánchez contempla ata un 75 por cento de bonificación para os usuarios frecuentes e recorrentes da AP-9 e da AP-53, pero polo momento non hai unha data para a súa aplicación.

AP-9, Autoestrada do Atlántico
AP-9, Autoestrada do Atlántico | Fonte: Miguel Riopa - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta