Alberto Pazos insiste en que será Rueda quen tome a decisión sobre a data das eleccións galegas

O portavoz parlamentario do PPdeG asegura que "a potestade absoluta é do presidente da Xunta e o que decida o presidente, ben decidido está".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2023 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, insistiu en que será o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen tome a decisión sobre a data das eleccións galegas que se celebrarán en 2024.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns e preguntado sobre se a dirección nacional do partido influirá na data electoral, Pazos sostivo que "o único que aperta o paso ou o desacelera de cara a esas eleccións" é o presidente da Xunta. "A partir de aí, calquera compañeiro de partido, incluído o presidente Feijóo, poden facer suxestións, pero aquí non hai persoas que tomen máis decisións sobre se se acelera ou non que Alfonso Rueda", manifestou.

Pazos sostivo que Rueda tomará a decisión con "a seguridade completa" de que o PPdeG "está absolutamente en forma e disposto a saír á rúa e a contarlle aos galegos as moitísimas razóns que lle asisten para pedirlles a confianza" fronte a unha alternativa que o "único que expón" son "unha chea de leas para Galicia".

Na súa intervención, ademais, dixo que as persoas que máis falan da data son as da "oposición" e mostrouse convencido de que "sexa cal sexa a data" algún membro da oposición "acertará". "Porque xa as dixeron todas", dixo para mostrarse convencido tamén de que a estes partidos tampouco lles gustará o día elixido.

"A potestade absoluta é do presidente da Xunta e o que decida o presidente, ben decidido está", resolveu nunha intervención na que sostivo que á oposición "estáselle facendo moi larga" a carreira cara ás urnas, mintas que o Goberno galego está "centrado" en gobernar.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, en rolda de prensa / PPdeG  / Europa Press
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, en rolda de prensa / PPdeG / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta