Ana Miranda reivindica o "escano galego" do BNG no balance da presidencia española do Consello Europeo

Acusou ao PP en Galicia de producir "falta de emprego, mal uso de fondos europeos e fuga de talento".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2023 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interveu este mércores no debate sobre o Balance da Presidencia española do Consello Europeo, que contou coa participación de Pedro Sánchez e no que Miranda reivindicou a importancia do "escano galego" da súa formación.

"Como eurodeputada do BNG represento a moitas galegas e galegos que queren outro modelo de Europa, unha Europa onde os Pobos sexamos escoitados", destacou. Neste sentido mencionou que nas institucións europeas decídense "moitas políticas que afectan" as vidas das persoas, como son os fondos europeos, emprego, enerxía, sectores produtivos ou transporte, e de aí a importancia de que Galicia "teña voz propia en Europa". "Porque hai outra Europa posible, a dos Pobos que como o noso, nunca lle foi ben nin o centralismo, nin o fascismo", dixo.

A Sánchez, Miranda díxolle que ao BNG "terano no lado democrático e antifascista, no da paz, da liberdade, da tolerancia, lonxe do insulto, da intransixencia, lonxe dos corruptos e dos discursos neofascistas que andan por Europa adiante".

MAL USO DE FONDOS EUROPEOS

Na súa intervención, Miranda cargou contra a extrema dereita e a ultradereita e acusou ao Goberno do PP en Galicia de producir "falta de emprego, mal uso de fondos europeos e fuga de talento". O BNG denunciou "a irresponsabilidade do goberno galego ao non gastar a totalidade dos fondos estruturais" (FEDER, FSE, FEADER), tendo dez anos para facelo, "deixando sen executar case mil millóns de euros, cun grao de execución moi por baixo da media europea".

Ana Miranda durante o debate.. BNG
Ana Miranda durante o debate.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta