Despois de prohibir o consumo de bebidas enerxéticas para os menores, que habería que facer coa 'comida lixo'?

Dende Galicia Confidencial preguntamos a dous nutricionistas, Santiago Groba e Susana Rodríguez, pola súa opinión sobre a 'comida lixo' que está ao acceso tanto físico como económico de calquera rapaz e adolescente galego.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A 'comida lixo' non só é McDonald's ou Burger King, Telepizza ou Dominós, aínda que se adoite asociar con frecuencia a estas grandes franquicias de comida rápida. Por 'comida lixo' tamén habería que referirse a todos eses ultraprocesados presentes nos lineais dos supermercados: bolos, galletas, chocolates, gominolas... E mesmo iogures azucarados, cereais de cores ou pan sen corteza, entre outros moitos. Na sociedade actual xa hai poucas cousas que se libren de ser consideradas 'comida lixo', pois os produtos naturais, procedentes do campo, son poucos e escasos, ademais de custosos, mentres que os ultraprocesados están tirados de prezo e duran máis tempo na casa. Con todo, certo é que son as grandes franquicias de hamburguesas e pizzas ou pezas de polo as que se fan máis evidentes, pois tamén están máis presentes en todo tipo de publicidade. Dende Galicia Confidencial reflexionamos cos nutricionistas Santiago Groba e Susana Rodríguez sobre o tema.

Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.
Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.

Cando vamos polas rúas das nosas vilas e cidades é habitual atoparse cada pouco cunha destas grandes franquicias de 'fast food' e, se miramos cara o seu interior, a maior parte do público que está nelas consumindo son nenos e adoslescentes. Entre os máis novos teñen un innegable éxito e, sobre todo durante as fins de semana, sempre están cheas. Tanto é así que a súa expansión polo noso territorio non deixa de medrar ano tras ano, na cidade na que antes había tres agora hai cinco, e na vila onde non había ningún, abriron un. Ante este fenómeno, e tendo en conta que a nova normativa autonómica plantexa a prohibición de substancias nocivas para a saúde alimentaria dos máis novos, como son as bebidas enerxéticas, que se podería facer para limitar o consumo de 'comida lixo' nos menores? "Eu non sei o que faría, pero dende logo prohibila non, porque cando prohibes algo é moito peor", plantexa Susana Rodríguez, aínda que se amosa consciente de que "algunha alternativa hai que atopar".

E é que, como explica, a nivel nutricional "o seu contido é moi pobre". E tamén incide nese feito de que "antes atopábaste cunha cadea de McDonald's ou Burger King na cidade nun único punto ou en dous, pero agora telo case en cada esquina". Así, asegura que "está ao acceso de calquera, e sobre todos dos adolescentes, que antes ao telo só no centro só o tomaban o día que ían ao centro e a maior parte non ía a miúdo, pero é que agora o teñen tamén na periferia, polo que o acceso é máis sinxelo". Rodríguez afirma tamén que para o corpo "este tipo de alimentos a nivel nutricional non aportan nada, son 'alimentos', por chamarlle algo, que non alimentan nada e que che enchen de calorías vacías, están cheos de sal e mesmo moito azucre". Recorda que "as hamburguesas non deixan de ser unha substancia moi palatable, que nos gusta moito, entón para que nos gusten teñen que ter moita sal, moito azucre e tamén levan moita graxa de mala calidade, fariñas moi refinadas e a carne coa que están feitas adoita estar sacada das partes máis pobres do animal". E é que "ti non podes poñer unha hamburguesa a un euro ou a un euro e medio se a calidade non é bastante pobre", reflexiona a nutricionista.

Ademais, nestes lugares hoxe por hoxe xa non só se combina a hamburguesa coa típica Coca-Cola que se pode volver a encher as veces que queiras, senón que por un pouco máis de prezo, xa podes engadir unha lata de Monster, é dicir, de bebida enerxética. Con esta combinación, "ao final estás meténdote o subidón increíble de azucre máis a cafeína que xa traen eses refrescos de por si, ao igual que a Coca-Cola e demais". Ante semellante panorama, Rodríguez cre que "todo isto terá que estar moito máis controlado, porque é un combo perfecto de subida de cafeína, estimulantes e azucres, e non é o mesmo que o tome un adulto, que tamén está mal e se pode notar, a que o faga un neno, pois o efecto nel será moito máis acusado". E a realidade é que a día de hoxe "un neno tamén ten acceso a estas franquicias e dunha forma moi fácil e barata". "Se ao mellor tivesen que pagar 15 euros por unha hamburguesa non a tomarían, e agora en vez de comprarse unha hamburguesa que poida ser máis sana por 15 euros o rapaz di: con 15 euros vou tres días ao McDonald's", apunta a nutricionista, que fala de que este problema "tamén está no prezo" e no baratos que son todos estes produtos de 'comida lixo'.

"ESTASE DEMONIZANDO O MCDONALD'S E NON ESES PRODUTOS QUE CHE VENDEN NO SUPERMERCADO COMO SUPER 'HEALTHIES' E SON TODO O CONTRARIO"

Hamburguesas
Hamburguesas | Fonte: PDPhoto.org - Arquivo

Pola súa banda, Santiago Groba reflexiona sobre a outra cuestión: a dos ultraprocesados de supermercado. "Quizáis se está a demonizar moito o Burger King, o McDonald's ou a pizzería cando ese non é o problema, porque a frecuencia de consumo do mesmo e a asistencia dos adolescentes a este tipo de centros non é rutinaria, é moi raro que un neno esté todos os días no McDonald's ou no Burger, senón que fai un consumo moi ocasional, quizáis solo as fins de semana". Así as cousas, considera que "o problema da 'comida lixo' e da ultraprocesada está no rutinario, no que se almorza habitualmente, o que se toma de 'snack', e hai unha alta porcentaxe dos alimentos que temos na casa cun aspecto de alimentos saudables e que realmente non o son". Neste senso, o nutricionista apunta que "o problema non está nos donuts, a hamburguesa ou a pizza, porque a maioría da xente sabe perfectamente que uns donuts son peor opción que unha mazá, pero moitas veces hai produtos como a peituga de pavo industrial ou algunhas galletas que levan alegacións de saudables, e mesmo algúns bebibles como o Danacol ou algún tipo de iogur que che venden como a panacea e mellor versión que a natural, cando en verdade son produtos ultraprocesados que tamén se poden considerar 'comida lixo', pero a poboación moitas veces non se dá conta".

Deste xeito, Groba afirma que, como nutricionista, está máis preocupado por "eses alimentos grises, eses produtos que aínda sendo unha mala opción consumimos de xeito habitual e nos parece que son unha boa opción; e non hai que meter tanta caña ás franquicias, porque a xente xa sabe que son malas". O que si puntualiza é que o que se podería facer no ámbito das franquicias sería "lexislar en temas de marketing, non deixar que haxa tanta publicidade de determinadas cadeas comerciais que venden hamburguesas ou pizzas". E é que, como nutricionista apunta, ao igual que Rodríguez, que "o común a todos estes produtos, pero tamén aos ultraprocesados que temos nas casas, é que son baixos en micronutrientes e altos en enerxía, por norma xeral". "A súa calidade nutricional é baixa", indica, incidindo en que, con todo, "habería que poñer máis o foco nos produtos que nos queren vender como super 'healthies' e realmente son un engano do marketing, da publicidade". Ademais, critica que "moitos supermercados os defenden, xa que a pesares de que é típico escoitar nos supermercados que teñen estratexias para a prevención da obesidade, logo vese que teñen un marketing moi agresivo para que te leves certas cousas, e esas cousas sempre son estes ultraprocesados", dende bollería industrial ata cereais cargados de azucre.

PARA CANDO UN ETIQUETADO FRONTAL QUE NON ESTEA "POLITIZADO" NIN INFLUENCIADO POLAS GRANDES INDUSTRIAS?

Entón, como pode o consumidor que chega ao supermercado saber se un produto é bo ou é malo? "A mellor ferramenta da que pode dispoñer un consumidor ben informado é da lista de ingredientes dos produtos", asegura Groba, aínda que isto é difícil de ver, porque "ese listado sempre está na parte posterior da caixa, no etiquetado posterior, nunca no frontal, que é a parte que ao vendedor lle interesa que a persoa que vai elixir o produto lea, mentres que na parte posterior está verdadeiramente a información real, en letra pequena e agochada". Agora ben, aínda sabendo dese listado, para poder entender que ingredientes son bos e cales non precisa ter un mínimo coñecemento sobre os mesmos, é dicir, estar informado previamente, xa sea pola súa conta ou recurrindo a un nutricionista. Para que todos os consumidores entendesen o listado sen necesidade de ser expertos na materia, podería facerse a través de sistemas moi sinxelos, como o que existe en Brasil e que Groba expón como exemplo: clasifican os alimentos en catro categorías NOVA (1, 2, 3 e 4). E é tan sinxelo como que "os 4 son os que non deberían consumirse, os 3 son algo máis permisivos, os 2 é algo un pouco raro que sería mellorable porque fai referencia a ingredientes alimentarios e os 1 que deberían ser os mellores".

En Europa está no aire a aprobación dun sistema de etiquetado frontal coñecido como Nutri-Score, pero Groba critica que "é unha ferramenta que está moi politizada, é dicir, moitas industrias meteron man para facerlle un lavado de cara aos seus produtos e que así non tivesen unha mala calificación". Nutri-Score divide os alimentos con letras do A ao E, e en cores de verde máis escuro a vermello, como se fose un semáforo. Aqueles produtos en verde e cunha A serían os mellores para o consumidor, os máis saudables, e os da E e vermellos, os peores. Sen embargo, "aínda que isto inicialmente semellaba ser unha ferramenta interesante, logo sacáronse da manga que as comparacións que facían non eran entre os distintos alimentos, senón entre alimentos da mesma categoría", explica o nutricionista, que denuncia que así "compáranse refrescos con refrescos, embutidos con embutidos ou cereais con cereais". O resultados? "Pódeste atopar un salmón afumado cunha letra D e unha Coca-Cola cunha B", exemplifica Groba, que advirte de que "o problema está en que o consumidor non o sabe". Polo menos, pide que "os supermercados poñan carteis informativos se se chega a implantar este sistema, ou a que se fagan periodicamente campañas informativas". Aínda que claro, tamén é consciente de que "se se fixese isto habería multinacionais que perderían moitísimos cartos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta