Séchu Sende: “Que a xente nova escoite e cante en galego, significa unha esperanza para a lingua”

A regueifa como movemento de expresión artística, de liberdade creativa e creación de discurso crítico entre a mocidade.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 23/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

“Actualmente moitos artistas de Galicia están modernizando a nosa tradición, pasando do campo da feira onde se aturuxaba, dos muíños onde as festas duraban unha semana aos festivais que hoxe reúnen a milleiros de persoas e aos móbiles onde escoitamos hoxe música”, reflexiona Séchu Sende, filólogo, escritor, profesor de galego e regueifeiro. “No IES Marco do Camballón de Vila de Cruces temos unha rapazada de 3º ESO que traballan coa tradición oral na materia de Regueifa”, conta que é unha optativa no Ensino público, grazas ao proxecto Regueifesta

Alumnado de Regueifa do IES Marco do Camballón
Alumnado de Regueifa do IES Marco do Camballón | Fonte: Clube da Lingua (IG)

Este alumnado de Vila de Cruces realizou o documental “Do aturuxo ao autotune” para pór de manifesto a relación entre a música tradicional e a actual música pop. “Como Dorothé Schubarth estivo na aldea de Sabrexo en 1980 decidimos gravar aló e a partir de aí reconstruír a historia dunha das cancións que recolleu aló”, cóntanos Séchu que canta o tema “Unha pera, dúas peras, non tiña a pereira…” e recoñece que a partir de aí pasaron a relacionar o cancioneiro popular, que recolleu moita xente nos últimos 200 anos coa música actual. “Artistas como Mondra, Fillas de Cassandra, Ugia Pedreira ou Xabier Díaz están modernizando a tradición”. Este documental remata dicindo “Un pobo que canta, é un pobo que nunca morre”. 

A SITUACIÓN DO GALEGO DESDE AS AULAS

Aproveitando que Séchu é mestre de Galego e de Regueifa preguntámoslle pola situación da nosa lingua nas aulas. Amósase alarmado, pero tamén optimista. “Estamos nun proceso de substitución lingüística, xa que o galego fálase cada vez menos entre a xente nova”, porén tamén recoñece que existe unha resistencia cultural, un ámbito de creatividade social no que a música e a canción é un espazo para a liberdade. "Que a xente nova escoite e cante en galego, significa unha esperanza para a lingua", recoñece. 

“A situación é moi grave, de alerta e as expectativas no son boas, pero hai unha parte da sociedade moi activa e consciente que defende a nosa lingua e a nosa cultura”, reivindica a importancia da responsabilidade política e a patente pouca presencia do galego nos medios de comunicación oficiais. “Este é un dos ámbitos fundamentais para que a xente nova se achegue á nosa lingua”. Non todo é malo porque hai motivos positivos como a “aparición de neofalantes”, grupos activos de música que realizan festivais e “dan forza para seguir”. 

A REGUEIFA EN AUMENTO E LONXE DE DESAPARECER

Que é a Regueifa? “Como en todos os pobos do mundo desde a orixe dos tempos, antes da escritura, é unha expresión de poesía dialóxica que se expresa en controversia ou debates, improvisados”, afirma Séchu. Xa se regueifaba en tempos Homero, no antigo Exipto ate as culturas celtas ou a poesía medieval galega. “En Galicia temos a sorte de que chegou ata o S XX e no XXI estivo en perigo de extinción”, destaca. A situación fai dez anos era crítica cando “só quedaban sete regueifeiros”, pero hoxe a situación é diferente e podemos falar do “movemento da nova regueifa”. Explica Séchu que foi impulsada pola regueifa feminista e que na actualidade hai centos de rapaces e rapazas que regueifan nos institutos. “Preto de 40 regueifeiros e regueifeiras soben aos escenarios de todo o país e dan obradoiros”. 

A didáctica da regueifa é unha oportunidade para xerar creatividade de forma artística en galego con moito humor, retranca e vinculada coa expresión teatral. “Desde o punto de vista crítico, créase un discurso político co punto de vista adolescente”, engade. Os obradoiros de regueifa que se imparten por todo o país baséanse na festa, na diversión, na aprendizaxe da técnica e na creación de “coplas populares, que riman o segundo verso co cuarto”. Tradicionalmente, a regueifa vai a capela, sen música, pero na actualidade, acompáñase con pandeiretas, gaita, charanga, bases electrónicas. “Como calquera outro movemento musical, actualízase e a mocidade exprésase con acompañamento musical”, expresa e conclúe con que a "regueifa se adapta ao lugar, ao público, ao momento e ao tempo". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta