Lalín, onde a maxia se fai realidade no Nadal: sete aldeíñas de conto de fadas

Feitas con materiais reciclados e madeira por obradoiros da zona, fan as delicias de turistas e veciños. Non perdas a oportunidade de ver estas recreacións de fantasía. Dende Galicia Confidencial contámosche o mellor de cada unha delas.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 18/12/2023 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Queres viaxar a unhas aldeas de conto de fadas sen ter que saír de Galicia? Só tes que viaxar ata Lalín, un municipio onde todos os anos polo Nadal se instalan varias pequenas aldeíñas feitas con madeira e elementos reciclados nas que non só desfrutan os máis pequenos, senón tamén os máis maiores. Móntanse de tal xeito que hai distintas temáticas, e todas logran transportarche a outro lugar, outra época ou un mundo de fantasía. E, aínda que están abertas durante prácticamente todo o día, a noite é o mellor momento para visitalas, pois cando acenden as luces a maxia chega a outro nivel. Dende Galicia Confidencial non quixemos perdernos a experiencia e visitamos este lugar de fantasía. Aquí che contamos a nosa experiencia.

Aldeas de Nadal de Lalín
Aldeas de Nadal de Lalín | Fonte: GC

Nada máis chegar, un venres pola noite, xa nos demos conta de que había moito que ver, pois o pobo estaba cheo de xente con nenos, familias que aproveitaban unha noite na que non chovía, a pesares de facer bastante frío, para dar unha volta cos máis pequenos da casa. A primeira aldeíña que visitamos foi a chamada Aldea das Estrelas, onde había unha homenaxe ao recoñecido astrónomo Ramón María Aller, cunha reprodución dun Observatorio astronómico empregado polo lalinense. Podíase entrar dentro del, onde un luz violeta enchía todo o espazo. Ademais, das árbores próximas colgaban deceas de estreliñas que brillaban con luz propia. Un entorno do máis sorprendente, situado preto da estatua de Loriga.

Ao seu lado, e aproveitando o palco municipal da vila, situouse a chamada Aldea da Música, na Praza da Vila, xusto á beira do moderno parque infantil onde ducias de nenos xogaban. O templete deste palco chamaba a atención xa dende ben lonxe, pois centos de luceciñas de Nadal o cubrían de arriba abaixo. Pero, aos seus pés, e coma unha homenaxe á extensa tradición musical de Lalín, a aldeíña composta por varias casas de madeira con notas musicais debuxadas servía de recoñecemento a todos os músicos, bandas e grandes artistas galegos. Nós mesmo fomos entrando nalgunha destas casiñas, baleiras por dentro pero nas que entra perfectamente un adulto polo amplas que son no seu interior. Mesmo hai unha que ten dous pisos e unhas escaleiriñas para poder subir que é unha auténtica marabilla.

Non lonxe de alí, na Praza da Igrexa, atópase unha das xoias da corona: a Aldea de Papá Noel, coa súa grande árbore de Nadal no centro. Case é a primeira na que se fixa un visitante que atravesa pola zona. Nela as casiñas están feitas por diferentes obradoiros de madeira artesáns da zona e levan o nome dalgúns deles gravado nunha plaquiña. E o certo é que son un auténtico espectáculo, pois teñen todos os detalles habidos e por haber. Hai unha xoguetería en cuxo escaparate se poden ver moitos bonequiños de fai unhas décadas; unha librería cunha fiestra chea de libriños; unha torre do reloxo cun reloxo que funciona e dá a hora; varias casiñas con xogos para os nenos no seu interior; e mesmo unha que ten un iacussi fóra. Iso si, a casa que se leva todas as olladas, como non podía ser doutro xeito, é a gran cabana de Papá Noel, a escala real e na que se pode entrar para ver a cama, a árbore de Nadal decorada, múltiples adornos e ata unha cheminea. Un espazo moi acolledor no que dá ganas de quedarse.

Seguidamente, baixando ata o Parque de Loriga, un puntiños brillantes nas árbores deste parque comezan a chamar a nosa atención. E non é para menos, pois son a benvida a outra destas aldeas: a Aldea dos Trasnos. Un bosque máxico conformado por pequenas casiñas colgadas das árbores con luz no seu interior, nas que semellan vivir estes seres mitolóxicos, algunhas delas mesmo unidas por pontes. Un lugar propicio para deixar voar a imaxinación. Ademais, tamén hai na zona casas sobre o terreo de maior tamaño nas que os nenos poden entrar a ver varios cadros que amosan como era a vida destes enaniños saltaríns con barba e pel morena que, segundo conta a nosa tradición, tiñan o seu fogar no bosque, amantes de irrumpir en casas alleas para gastar bromas pesadas, revolver a roupa ou asustar ao gando. Un truquiño para desfacerse deles é deixarlles unha boa cantidade de grans de maíz, porque como non saben contar máis de cen, cando chegan a ese número teñen que empezar de novo, polo que estarían ben ocupados. Estas casiñas son unhas das nosas favoritas.

Aldeas de Nadal de Lalín
Aldeas de Nadal de Lalín | Fonte: GC

Na seguinte praza, na Praza da Biblioteca, Papá Noel deixa paso á Aldea dos Reis Meigos, cunha temática oriental moi lograda e con casas recreadas á perfección. Aínda que todas son dignas de deterse a apreciar polos seus detalles nas ventás, exquisitamente recreadas, e os seus veos nas portas, a máis grande é a dos Reis Meigos, a tamaño real e en cuxo interior están as tres cadeiras nas que se sentan Melchor, Gaspar e Baltasar, cunha lámpada no teito tamén típica das mezquitas árabes. Ademais, a entrada a esta aldea ten unha porta como da muralla da que colgan dous farolillos que é unha auténtica gozada. Outro lugar imperdible e dos nosos favoritos, aínda que polo que puidemos ver, tamén un dos favoritos dos nenos, que xogan a que viven e son veciños nestas casiñas de estilo oriental.

Finalmente, dentro do centro do pobo, estaría a Aldea do Apalpador, situada na Praza da Torre. E é que despois de falar de Reis Meigos e Papá Noel, non podiamos esquecernos da nosa tradición galega. As casiñas neste caso son de inspiración rústica. Esta figura lexendaria cóntase que pasea polos rincós máis encantados de Lalín, despois de baixar silenciosamente ás devesas do Courel para deixar agasallos e castañas aos nenos, palpándolles con agarimo as barriguiñas para asegurarse de que estiveron ben alimentados durante todo o ano. Un conto que non debemos deixar que desapareza.E xa dentro do propio centro comercial da vila, o centro comercial Pontiñas, está a Aldea dos Contos, chamada así porque oferta contacontos en diferentes días de Nadal. É a máis pasable, pois ao final semella ser un parque máis dos que están pensados en moitos centros comerciais para os rapaces.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta