A importancia do sector cultural en Galicia: supón un 2,5% do PIB e máis de 30.000 postos de traballo

O sector con máis peso é o das artes visuais, que supón o 52,5% do total.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2023 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

O sector da cultura supuxo o 2,5% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia en 2021, cun volume de traballo equivalente a case 30.170 postos de traballo a tempo completo, un 3% do total de emprego en Galicia, segundo se desprende da Conta Satélite da Cultura publicada este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, a produción das industrias culturais ascendeu nese ano a 2.537 millóns de euros, mentres que os consumos intermedios situáronse nos 943 millóns. Desta maneira, as industrias culturais xeraron un valor engadido próximo aos 1.600 millóns, un 2,7% do valor engadido bruto xerado na economía galega en 2021.

Entre outros datos, a remuneración de asalariados no sector foi de máis de 699 millóns de euros, o que supón un 2,4% da remuneración total da economía galega.  O sector con maior peso na cultura galega é o das artes visuais, que achega o 52,5% do valor engadido bruto xerado polo total destas industrias. Pola súa banda, os libros e a prensa supoñen o 16,2% e o audiovisual e multimedia son o 10,3%. As artes escénicas son un 6,3% do valor engadido bruto, mentres que interdisciplinar son o 8,5% e o patrimonio artístico e monumental un 6,2%.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na súa visita a 'Hábitats. Natureza estendida' na Cidade da Cultura. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na súa visita a 'Hábitats. Natureza estendida' na Cidade da Cultura. XUNTA DE GALICIA

TURISMO DE GALICIA

Por outra banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, respondeu este venres unha pregunta no Parlamento de Galicia sobre as políticas de apoio do seu departamento ao sector e aos municipios galegos, que cuantificou en 28 millóns de euros a través de distintas accións que chegaron ao catro provincias.

Ademais, avanzou que se completarán con algunha outra antes de final de ano e que están a contribuír "a diversificar a actividade turística polo territorio e mellorar a competitividade do destino".

Máis concretamente, o director de Turismo mencionou as liñas dirixidas aos profesionais do turismo en Galicia que comprenden distintos aspectos como a mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración, que este ano recibiron 128 establecementos, ou para o mantemento da marca Q de Calidade Turística, en máis de 200.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta