18F.- O BNG activa os prazos para aprobar as listas sen descartar independentes

Rubén Cela coordinará a campaña electoral xunto a Lucía López e Olalla Rodil.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2023 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A Executiva Nacional do BNG, co seu portavoz nacional e candidata á Xunta á cabeza, Ana Pontón, reuniuse este mércores para arrincar o proceso de elección de listas e elaboración do programa electoral, que será responsabilidade dos deputados Olalla Rodil e Luís Bará, para unhas eleccións cuxa campaña coordinará Rubén Cela, xunto á responsable de Organización, Lucía López.

"Deseñamos unha campaña en positivo e enormemente propositiva e ilusionante respecto das posibilidades reais dese cambio político no país e, sobre todo, vai ser unha campaña con apelación moi directa á mobilización do conxunto da sociedade galega", manifestou en declaracións aos medios Rubén Cela. De feito, asegurou que "é na mobilización onde está a clave deste proceso electoral". "É evidente que o Partido Popular non quere unha sociedade galega mobilizada para este proceso electoral e, nese sentido, non é casual que unha parte importante da pre campaña vaia a coincidir coas vacacións de nadal e que, unha parte importante da campaña vaia a coincidir coas festas de Entroido", analizou Rubén Cela.

En todo caso, mostrouse seguro de que "lle vai a saír o tiro pola culata" e vai haber "unha gran mobilización". "E o BNG, desde logo, vai traballar para que haxa esa gran mobilización: primeiro, porque nunha democracia sempre é positivo que participe e que fale o máximo número de xente; e segundo, porque estamos absolutamente convencidos de que se toda a xente que quere cambio neste país está mobilizada o 18 de febreiro, ese cambio será absolutamente imparable", expuxo.

CONSELLO NACIONAL

Así as cousas, este sábado reunirase o Consello Nacional --máximo órgano de decisión entre asembleas-- para dar o pistoletazo de saída á elaboración das candidaturas coas que concorrerá o BNG, un proceso que os nacionalistas destacan que se fai "como sempre, aberto, de abaixo a arriba e participativo".

Rubén Cela subliñou que haberá posibilidade de "opinar, falar e decidir" e será "absolutamente democrático e transparente", xa que no BNG "non cabe ningún tipo nin modalidade de dedocracia e non vai ser unha excepción neste proceso".

As asembleas comarcais celebraranse a principios de xaneiro (previsiblemente a próxima semana) e logo aprobaranse as listas definitivas nun novo Consello Nacional, tras pasar os nomes pola Executiva Nacional, encargada de elaborar unha proposta para elevar ao máximo órgano de decisión, prazo que non quixo concretar pero que, en todo caso, vén marcado pola data límite do 15 de xaneiro para rexistrar candidaturas.

A preguntas dos medios, dixo que no BNG sempre valora a posibilidade de incorporar a persoas independentes que están "dispostas a sumar" e sempre tivo nas súas listas persoas que "non tiñan necesariamente" adscrición á formación. Así, e sobre como se canalizará esa posibilidade, Rubén Cela lembrou que as propostas que emanan das asembleas comarcais, nas que tamén xorden nomes independentes, elévanse aos órganos nacionais para ordenalas en función dos criterios como a paridade e representatividade de todos os ámbitos.

Reunión da Executiva Nacional do BNG, con Ana Pontón á cabeza
Reunión da Executiva Nacional do BNG, con Ana Pontón á cabeza | Fonte: Europa Press

Na súa comparecencia ante os medios, Cela incidiu en que o BNG encara o proceso con "optimismo" e coa certeza de que será capaz de conquistar un novo "resultado histórico", o cal, nesta ocasión, "permita ese cambio de goberno e que por primeira vez Galicia teña unha presidenta, cun goberno que só pense en Galicia, sen ningún tipo de atadura e ao servizo da maioría. Será, en palabras de Cela, a "campaña máis intensa na historia do BNG", tanto en actos como á hora de "mobilizar e convencer" ao conxunto da cidadanía galega de que "o cambio non só é posible, senón que é moi necesario e vai estar liderado polo BNG".

Doutra banda, preguntado por como cre que pode afectar o nome de Marta Lois e a presenza de Sumar, Rubén Cela remarcou que "en democracia a pluralidade política sempre é positiva", pero observou que "a división no voto da esquerda é o que máis favorece ao PP e por iso é polo que o BNG faga un chamamento importante á concentración do voto" da xente que realmente quere cambio para facelo "efectivo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta