18F.-O PPdeG quere un programa electoral "vivo": recollerá propostas da cidadanía e colectivos

O documento terá o "estilo Rueda" para conseguir a primeira absoluta do actual presidente fronte a "un multipartito".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2023 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

O PPdeG presentou este venres o seu equipo redactor do programa para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro. Será un "documento vivo" e "participativo" que se nutrirá de propostas recollidas a través da web rueda.gal, na que calquera cidadán pode facer achegas, así como dunha serie de reunións que manterá o partido con colectivos ou persoas a título individual co propósito de "facer de Galicia un país moito mellor".

Así o explicou o coordinador do programa electoral, Valentín García, en declaracións aos medios tras manter unha reunión coa secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e con outra das integrantes do equipo redactor, a deputada autonómica Carmen Pomar, quen foi conselleira de Educación con Alberto Núñez Feijóo. O PPdeG quere "un programa moi centrado en Galicia, un programa moi galego que protexa a Galicia" coa "estabilidade política" que sempre levan os populares por estandarte: "É a principal vía de progreso".

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, co coordinador do programa electoral para o 18F, Valentín García. PPDEG
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, co coordinador do programa electoral para o 18F, Valentín García. PPDEG | Fonte: Europa Press

"POUCOS RETOS MÁIS ILUSIONANTES"

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG reivindicou o "equipado" co que contará Alfonso Rueda para deseñar a súa campaña e o seu programa: "Hai poucos retos máis ilusionantes que o de redactar o programa. Pór as medidas e os proxectos que a sociedade galega demanda sobre un papel e facer dese documento o que propón unha Galicia aínda mellor".

O 'número dous' dos populares recoñeceu que este documento ten "unha motivación especial" porque será "o primeiro programa electoral" da etapa de Rueda.

Paula Prado, insistiu en que a carreira cara ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro ten que ser "unha campaña galega" e "con propostas para resolver os problemas de Galicia". No entanto, a continuación sinalou que estes se resolven non só desde a Xunta, senón "tamén desde o Goberno de España".

Desta forma respondeu o 'número dous' do PPdeG ao ser preguntada este venres polos medios de comunicación sobre por que o líder nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo, advertiu esta mesma semana que nos comicios galegos está en xogo que Pedro Sánchez "use Galicia para instaurar outra das súas sucursais radicais".

Neste sentido, referiuse a a condonación da débeda de Cataluña pactada entre o PSOE e ERC, que "suporá 400 euros por galego", á vez que afeou que a Euskadi se lle outorguen as competencias sobre o litoral mentres a lei que fai o propio para Galicia foi recorrida ante o Tribunal Constitucional. "Todo este tipo de cuestións loxicamente os cidadáns galegos tamén o van a xulgar, claro que si", agregou Paula Prado, quen lamentou que eses "problemas reais" que ten a Comunidade "non os vai a vir resolver Pedro Sánchez".

GALICIA, "ILLA DE ESTABILIDADE"

Noutra orde de cousas, a 'dúas' do PPdeG volveu a diferenciar a "illa de estabilidade" que é Galicia, porque o seu partido "non ten liortas internas", de todas as opcións de esquerdas.

"O PSdeG di ao principio que quere ir en coalición con Sumar, Sumar di que non quere ir co PSdeG. Entón, Sumar di que quere ir con Podemos. Podemos di que non quere ir con Sumar pero a parte galega de Podemos si quere ir con Sumar. A parte nacional de Podemos di que ten que votar ao BNG. O BNG está a tentar que algúns que se foron volvan e que os que ten dentro non se lle vaian", relatou Prado. Así, ante "todo este barullo de alternativa", o "único que demostra a estabilidade e a tranquilidade para Galicia" é o PPdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta