Besteiro (PSdeG): "Non pasa pola miña cabeza quedar por detrás do BNG"

Critica que Feijóo queira facer das eleccións galegas un "plebiscito contra Sánchez" e di que en Galicia "non hai ninguén" que ande pola rúa falandeo da lei de Annistía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2024 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967), deixará a súa acta no Congreso tras as eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro e avisa de que "pode haber cambios" nas candidaturas do PSdeG, que nestes momentos atópanse en plena fase orgánica de elaboración nas asembleas locais e as executivas provinciais.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, o dirixente socialista subliña que deixará a súa acta na Cámara baixa para ser deputado no Parlamento galego e "presidente" na Xunta tras pechar cuestións "pendentes" relativas a "investimentos para Galicia". "Eu teño un traballo e terei outro a partir do 18 de febreiro porque, ademais, como todo o mundo sabe, é incompatible ser deputado no Congreso con ser presidente da Xunta", subliña.

Xa iniciado o 2024 e a falta de pouco máis de mes e medio para a cita electoral, Besteiro manifesta afrontar con "moito optimismo" e con "moitísima ambición" a carreira cara ás urnas, para a que asegura que o Partido Socialista está "absolutamente unido", "esperando un bo resultado".

Neste sentido, vese capaz de volver situar ao PSdeG como a forza líder da esquerda galega a pesar das enquisas. "As últimas tivémolas o 23 de xullo e xa ve como acertaron", argumenta o político lucense, que apela á mobilización progresista para lograr o cambio en Galicia. "Creo que imos mobilizar a moita xente e que esa mobilización vai producir o cambio en Galicia".

Neste punto, preguntado sobre se consideraría un fracaso que o PSdeG repetise como terceira forza, asegura que esa hipótese "non pasa" pola súa "cabeza", polo que tampouco "contempla" un escenario no que puidese ser vicepresidente dun goberno liderado pola candidata do BNG, Ana Pontón.

LISTAS SOCIALISTAS

De cara a esta cita coas urnas, o PSdeG afronta estes días o proceso orgánico para configurar as listas, que arrincou esta semana coas asembleas locais e culminará coa reunión do Comité Nacional e a comisión federal de listas. Sobre o feito de que o PSOE de Vigo propuxese ao exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero para figurar na lista pola provincia, Besteiro asegurou que el, como "fillo de primarias", respecta este procedemento e rexeita que se trate dun pulso contra el. "Estamos no momento no que xorden as peticións, ideas e nomes desde as agrupacións locais e eu non vou interromper para nada todo ese proceso", apunta.

O aspirante socialista á Presidencia da Xunta lembra que agora serán trasladadas ás direccións provinciais, que "farán unha proposta de candidatura" que "será examinada" por el, "como candidato". Neste punto, preguntado especificamente sobre se introducirá cambios asegura que "si". "Eu creo que si, que pode haber cambios", indica para subliñar que o PSdeG está a iniciar "un novo ciclo" e que destas listas socialistas sairá "unha boa parte do novo goberno de Galicia".

Ademais, sobre se nomes como o do exrector da Universidade da Coruña, Julio Abalde, --quen foi relator na convención na que o PSdeG perfilou o seu programa-- será un dos que figurará, recoñece que é un "nome que encaixa ben", pero insiste en que non quere "interferir" no proceso.

"NON PRESIONO, CONVENZO"

Nesta entrevista con Europa Press, Besteiro pon en valor o seu labor co Executivo estatal para lograr investimentos para Galicia. E, en relación sobre se presionará para que asuntos como o traspaso da AP-9 se materialicen, afirma que el "non presiona" senón que "convence". Unha xestión que contrapuxo á dun Partido Popular instalado na "confrontación" e que carece de "credibilidade".

CRE QUE FEIJÓO FAI UN "FEO" A RUEDA

Así mesmo, reprocha ao líder do Partido Popular, que confirmou que participará cunha caravana propia na campaña galega, que trate de converter os comicios do 18F nun "plebiscito contra Sánchez". "Que deixe iso xa, que Sánchez vai ser o presidente durante os próximos catro anos. Nada o vai a apartar do seu obxectivo e desta responsabilidade", sostivo o político lucense, que se mostrou convencido do que consegue Feijóo con esta actitude é facer un "feo" ao seu candidato.

Besteiro considera que, aínda que o PP trate de pór o foco sobre asuntos como o debate ao redor da lei de amnistía, na rúa en Galicia "non hai ninguén" que pregunte por este tema sobre o que el asegura ter unha opinión clara. "Neste asunto, ou se está por imposición ou se está por convicción. Eu estou por convicción", apunta para defender que "pode ser unha medida máis que solucione un problema político".

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez  Besteiro, nunha entrevista con Europa Press durante a precampaña para as eleccións autonómicas. EUROPA PRESS - JAVIER VÁZQUEZ
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nunha entrevista con Europa Press durante a precampaña para as eleccións autonómicas. EUROPA PRESS - JAVIER VÁZQUEZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta