Voluntarios seguen limpando as praias e piden colaboración: "Débenos preocupar a todos, en Madrid tamén comen peixe"

A Xunta lembra que se debe facer de forma "controlada, organizada e con 'sentidiño'", especialmente en zonas de parques e Patrimonio Natural.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 08/01/2024 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

Os voluntarios continúan organizándose na xornada deste luns para tratar de limpar das praias do litoral galego os pellets de plástico procedentes dun barco que navegaba fronte ás costas de Portugal. Con menor afluencia que este domingo por ser xornada laboral, algúns se achegaron este luns a praias das localidades de Muros, O Grove, Vilanova de Arousa ou Porto do Son, onde as pequenas bólas de plástico seguen chegando aos areais.

En Porto do Son, na praia de Cabeiro, seis voluntarios limpaban á primeira hora da mañá coa axuda de anciños, recolledores, cubos e luvas estes pellets de plástico que a marea ía achegando aos poucos á costa. Chema, un dos voluntarios que formaban este grupo, demanda "maior información" por parte das administracións, xa que o descoñecemento dos lugares onde é máis urxente limpar e mesmo o método para realizar esta limpeza "dificulta o traballo da xente".

PIDEN ÁS ADMINISTRACIÓNS QUE TRABALLEN

No seu caso, explicou que tivo que chamar directamente ao seu concello, pero pide "concienciar sobre a importancia de que isto se corrixa" e que as administracións "se poñan a traballar como o resto do mundo". "Aos que nos importa o lugar no que vivimos e a contorna, sabemos que isto pode ter moi malas consecuencias para o medio e para o ser humano", lamentou.

Pola súa banda, María, tamén veciña de Porto do Son que este luns facía todo o posible por recoller o maior número de plástico posible, recoñeceu que se trata dun tema "delicado" porque ao camiñar pola area tamén se poden pisar os pellets e quedar enterrados. Tamén se mostrou "preocupada" por unha situación que asegura debería de "preocupar a todos". "Os de Madrid tamén comen peixe", sinalou.

PERSOAL DA XUNTA

Ademais dos voluntarios, persoal da Xunta, a través de Tragsa, tamén continúa coa limpeza de praias nos areais galegos máis afectados por esta vertedura. Sobre a limpeza realizada polos voluntarios, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, agradeceu o seu labor pero volveu a pedir "calma": "Ás veces, se somos moita xente na praia, igual pódese facer máis mal que ben".

Voluntarios fan unha recollida de pellets da area
Voluntarios fan unha recollida de pellets da area | Fonte: Elena Fernández

Cifra nuns 200 os efectivos que traballan nunha trintena de municipios afectados pola chegada de 'pellets' de plásticos ás costas galegas. Así mesmo, o conselleiro garante que esta cifra de efectivos será reforzada en próximos días para dar soporte aos municipios afectados. O 112 monitora a situación cos avisos que lle chegan por parte dos concellos.

Nesta liña manifestábase tamén este luns a vicepresidenta primeira e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que lembrou que a recollida se debe facer dunha maneira "controlada, consensuada, organizada e con 'sentidiño'". Neste sentido, sinalou que en zonas de Rede Natura ou de Parque Natural os voluntarios deben facelo "a través do permiso necesario de Parques ou de Patrimonio". En todo caso, asegurou que poden dirixirse aos concellos e "facer a coordinación".

"Non podemos alterar os ecosistemas. Por recoller uns plásticos non podemos matar certas especies", argumentou en declaracións aos medios. Con todo, defendeu os plans de voluntariado da Xunta, con "unha chea de mozas que fan unhas accións inmensas" e sen os que, apuntou, "as administracións non seriamos capaces". Igualmente, valora que están postos "todos os dispositivos" para minimizar o impacto. Traballan "en colaboración" con municipios e a través de Tragsa para facer "todo o posible" para retirar o material.


RECOMENDACIÓNS

Para tratar de coordinar e mellorar a organización de todas estas persoas, as organizacións ecoloxistas elaboraron un decálogo de recomendacións a ter en conta. Entre elas, mirar onde se pisa, xa que os pellets entérranse con moita facilidade; limpar en grupos para non deixar anacos sen limpar; se se atopan aves mariñas mortas, dar aviso ao 112 para a súa retirada; utilizar luvas fortes; e, se se pode, empregar un colador.

Así mesmo, recomendan só recoller a parte superficial e non escarbar na area e gardar os pellets nunha bolsa ou outro tipo de cubo e entregalo nos lugares indicados polos concellos, posto que "se trata de residuos industriais e teñen que depositarse en colectores especiais". Ademais, indican que é "fundamental" non levar restos orgánicos dos que se alimenta a fauna local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta