O PSdeG estará presente na manifestación contra a xestión da vertedura de pélets do 21 de xaneiro en Santiago

O candidato avoga por lograr nas urnas "unha Galicia limpa das mentiras que sementa o PP".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2024 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que os socialistas galegos participarán na manifestación convocada por decenas de colectivos do mar e ecoloxistas o vindeiro domingo 21 en Santiago en defensa do mundo do mar e en protesta pola xestión da vertedura de pélets plásticos que afecta á costa galega.

O aspirante socialista ao Goberno galego acudiu na mañá deste domingo á praia de Portocubelo, na localidade de Lira do municipio coruñés de Carnota, onde avogou por lograr nas eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro "unha Galicia limpa das mentiras que sementa o PP". Acompañado por representantes de colectivos do mar e alcaldes socialistas da Costa da Morte, Besteiro avanzou que o seu partido estará na marcha convocada para o próximo día 21 na capital galega "xunto a pescadores, mariscadoras, biólogos, ecoloxistas e voluntarios".

En declaracións aos medios durante a súa visita ao areal xunto aos rexedores de Carnota, Camariñas, Cee, Dumbría e Vimianzo; a cabeza de lista do PSdeG volveu a cargar contra a xestión da Xunta da vertedura de microplásticos, que ve centrada nas "mentiras" e "bandazos". O último destes, segundo Besteiro, foi que a vicepresidenta da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciase a creación esta próxima semana dunha comisión encargada de analizar a toxicidade dos residuos plásticos tras "semanas" nas que "negou" que fose prexudiciais para a saúde.

REUNIÓN CONFRARÍA

Tras achegarse á praia, Besteiro mantivo unha reunión con respresentantes da Confraría de Pescadores de Lira, aos que estendeu a colaboración do Goberno central ante a "crise" dos pélets. "A suma das administracións é extraordinariamente importante", remarcou antes de incidir en que o seu partido levará a cabo un "seguimento" do cumprimento de "todas as administracións" nas tarefas de limpeza "para pór fin á marea plástica".

Candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nunha praia de Carnota
Candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nunha praia de Carnota | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta