Galicientífica- Alicia Reija: "A investigación é unha montaña rusa na que dos erros poden saír cousas novas"

É física e a súa tese céntrase en investigar novas fontes de radioterapia que permitan disminuír os efectos secundarios nos tratamentos radioterapéuticos.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 24/01/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nesta nova entrega coñecemos á 'Galicientífica', Alicia Reija, a primeira física coa que falamos desde que comezamos esta aventura. Traballa no Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). "Fixen a carreira de física, logo un mestrado en física médica e agora mesmo estou no terceiro ano do doutoramento", conta Alicia que explica que a súa tese se centra en estudar a radiación ionizante, inducida por láseres ultra intensos, e así analizar o seu impacto na radioterapia clínica.

A Galicientífica Alicia Reija
A Galicientífica Alicia Reija

"Estudo raios X e protóns e centreime na caracterización deste tipo de radiación de cultuvos celulares para ver cales son as capacidades antitumorais deste tipo de radiación e comparala con fontes de radioterapia comúns e convencionais, como as que pode haber nun hospital". Cal é a diferenza deses dous tipos de radiación? Alicia explica que o que investigan, a diferenza da radioterapia convencional, ´é a radiación que se produce de maneira continua no tempo e que fai que biolóxicamente os tecidos sans non se vexan tan comprometidos ou danados, como coa radioterapia convencional. "Terían mesma capacidade tumoral, para matar as células do cancro dunha maneira similar á radiación convencional, pero os tecidos veríanse menos comprometidos e teriase menos propabilidade de desenvolver un cancro secundario ou danos en xeral, efectos secundarios da radioterapia".  

MULLER E CIENCIA

Cando nos dispoñemos a falar da diferenza de número de investigadores e investigadoras, Alicia sorprende traendo os datos dun informe do curso 21/22 do Ministerio de Universidades. "Na rama de ciencias da saúde, nas carreiras, un 70% son mulleres, pero logo en ciencias en xeral (bioloxía, química, física e matemáticas) baixa a un 50,7%. Se miras dentro da carreira de física cóncretamente só para entrar na carreira, un 30% son mulleres e un 70% son homes, isto na introdución. No doutoramento de física nuclear e partículas, somos 15 mulleres e 50 homes, polo que as mulleres somos só un 23% e conforme avanza a carreira investigadora, vai decrecendo co efecto tesoira". 

Entón todo isto vén dicir que xa existe unha diferenza ao entrar na carreira e que ao longo da carreira investigadora se fai máis grande. Alicia di que se pode deber á "conciliación laboral, problemas de fenda salarial" e pregúntase por que as nenas de bacharelato non se animan a facer física como bioloxía, química ou carreiras de ciencias da saúde. "Parece que carreiras como a física, as enxeñerías ou arquitectura, que resultan máis técnicas, non son atractivas para as nenas, pero logo o desenvolvemento das mulleres nestes eidos é igual ca o dos homes". Alicia pensa que se cadra é porque non teñen referentes na vida diaria e destaca a importancia da divulgación. "Eu tiven unha profesora de física que me inspirou, pero miraba ao meu redor e dicía onde están as mullleres físicas?". 

Cales son as túas referentes? "Na miña etapa de bacharelato, a miña profesora de física, Laura. Agora mesmo son xa moitas as mulleres que foron importantes ao longo da historia, como Marie Curie ou Maria Goeppert-Mayer. Foron Premios Nobel de física e realmente só hai catro femininos en toda a historia. Tamén, quixemos coñecer que estereotipos se asocian á física como carreira ou formación e Alicia ri e afirma que "The Big Bang Theory fixo moito dano", facendo alusión á mítica serie: "Amosan persoas que teñen problemas para relacionarse socialmente, así como mulleres que se cadra non se preocupan polo seu aspecto, que están só pensando na carreira". 

DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

"Para as aplicacións que estudamos neste laboratorio penso que divulgar é relativamente sinxelo porque é unha cousa atractiva e tanxible, que pode entender calquera persoa que saiba o que é un tratamendo de cancro en termos xerais", comenta Alicia. No IGFAE soen facer actividades para achegar á física aos institutos, así como dar charlas e tamen "aumentar a presenza feminina que inspire". A nosa 'Galicientífica' desta entrega pensa que este tipo de tarefas son moi importantes e que o feito de que haxa representación feminina contribúe á normalización da presenza da muller na ciencia. Tamén comenta que as redes sociais son unha boa ferramenta para divulgar: "A tiktoker @fisicamr 'a mami da física' achega conceptos físicos á xente moza e moi ben explicado". 

Como é traballar no IGFAE? O día a día desta investigadora céntrase no mencionado Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións, onde son dúas mulleres e tres homes e no que se sinte moi contenta. Afirma que é moi importante ter bo ambiente cos compañeiros e que é atractivo ver outra xente nova facendo o doutoramento. 

"UN MAL RESULTADO TAMÉN É UN RESULTADO"

Tiña claro que quería ser investigadora? A resposta é negativa. "Non me vía tan comprometida como para facer unha tese doutoral e desde fóra percibíase moi complicado e sacrificado", recoñece. Cando estivo no último ano de carreira fixo unha materia optativa de física médica que lle gustou moito e decidiu facer seu TFG sobre ese eido. "O meu supervisor actual ensinoume este laboratorio e animoume a quedar e estou moi contenta porque o camiño foi moi natural. Non pensaba en dedicarme á investigación ata que me vin aquí cun tema tan útil, de física aplicada á sociedade". 

O camiño da investigación resulta frustrante en moitas etapas porque como comenta "os experimentos poden saír mal e retrasarse as cousas un  montón no tempo". O seu consolo e forza é pensar que "un mal resultado, tamén é un resultado e tes que aprender porque non sempre o obxectivo ten que ser gañar un Premio Nobel ou facelo todo ben. Moitas veces de erros, saen cousas novas". 

Define o doutoramento como "unha montaña rusa de resultados, acontecementos e emocións" e apunta que durante catro anos pelexas cun tema e pasas de estar moi motivado no primeiro e a partir de aí comeza a frustración. Nesta liña, un dos puntos máis negativos da carreira investigadora é acadar a estabilidade, en especial do doutoramento e os primeiros postdocs en España. "Non son para volverte rico, está claro. Veste con 30 anos sen un traballo medianamente fixo e pagar unha hipoteca ou formar unha familia, non é doado", lamenta. 

AS SAÍDAS PROFESIONAIS DA FÍSICA MÉDICA

Alicia tiña claro que quería seguir no campo da física médica: "É o que máis me gusta, todo o relacionado con iso, por exemplo a radiofísica hospitalaria". Fai fincapé en que moita xente cando saen oposicións sanitarias fala do MIR, FIR, EIR e esquécense do "radiofísico interno residente". Que fai exactamente? Di que é a persoa que está nun servizo hospitalario, modelando os tratamentos de radioterapia para os pacientes, un físico que traballa nun hospital como un enfermeiro ou médico". Recoñece que é unha posibilidade laboral que contempla.

Finalmente preguntámoslle: que buscas acadar coa tese? "Gustaríame, sendo moi optimista, poder chegar a observar, irradiar un modelo anatómico, biolóxico, que me permita observar a protección do tecido san coas miñas fontes de radiación en comparación cunha fonte convencional. Sería o cume da miña tese e por pedir que non sexa", conclúe.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta