A Xunta Electoral pídelle á Xunta a retirada da súa web da noticia de "Abrir Ferrol ao mar"

Entende que é unha "vulneración do dereito de neutralidade".

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 23/01/2024 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

A Xunta Electoral ordenou a retirada da noticia da web da Xunta que se falaba da firma o pasado venres, día 29, do convenio denominado 'Abrir Ferrol ao mar', unha iniciativa estimada en once millóns de euros e que recolle diversas actuacións neste municipio ao longo do próximos catro anos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela, asinan o convenio de colaboración do proxecto 'Abrir Ferrol ao mar'. DAVID CABEZON @ XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela, asinan o convenio de colaboración do proxecto 'Abrir Ferrol ao mar'. DAVID CABEZON @ XUNTA

Foi tras unha denuncia do PSdeG que consideraba que esta información vulnera as normas éticas durante a campaña. A Xunta Electoral, desta volta, si dá a razón aos socialistas ao considerar que é unha "vulneración do dereito de neutralidade"

Precisamente, este mesmo órgano arquivara  outra denuncia presentada polo PSdeG contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela (PP) pola firma deste convenio considerado electoral. Na súa denuncia, os socialistas estimaban que este acto supuña "a difusión de logros por parte das administracións partícipes e supón un acto de inauguración", ademais de que con esta actuación preténdese " a repercusión pública dos supostos logros das administracións que as promoven a través dunha aparencia de noticia de actividade común".

Pero, desde a Xunta Electoral decidiuse arquivar esta denuncia ao entender que, tal e como recolle a normativa, si está permitido "as campañas informativas que resulten imprescindibles para a salvagarda do interese público ou para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos". Ademais, incide en que "as administracións públicas no período electoral poden continuar co exercicio das competencias que legalmente teñen atribuídas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta