Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2024 | Actualizada ás 13:35
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, esixe "transparencia e concreción" a Alcoa para aclarar o seu plan de futuro para o complexo de San Cibrao, no municipio de Cervo, e "que apoios" necesita por parte da administración.
A preguntas dos medios este mércores en Santiago, a conselleira remarcou que esta tarde se reunirá en San Cibrao co comité de empresas despois do anuncio "preocupante para todos" por parte de Alcoa da súa intención de aprazar sen data o rearranque das cubas. "Temos que ser súper serios coa empresa", advirte.
"Sempre hai que esixir á empresa, que é o que estamos a facer, que cumpra os seus compromisos e apoiar aos traballadores", expón Lorenzana. Compromete que se empregarán "con todos os mecanismos legais que ten a Xunta de Galicia" para "ver xuridicamente se se está cumprindo ou non o acordo e os pasos que haxa que dar", ademais de respaldo "con todos os mecanismos" existente no Instituto de Promoción do Emprego (Igape).
Tamén avoga por "ter unha colaboración total entre os dous gobernos", en referencia ao Goberno central. A mesa de seguimento de Alcoa celebrarase o venres en Madrid, onde se desprazará a conselleira de Economía. Deixa claro que a prioridade é o emprego, posto que se trata de "mil traballadores e familias vinculadas a todos estes empregos", polo que pide "deixar á marxe calquera tipo de ocorrencias ou de ideas que non poidan ir a favor do emprego".
Insiste en que "é moi importante o apoio do Estado", polo que "é moi importante non desviar a atención do que realmente importa". Pide que "todas as institucións" e "todos os partidos" estean "aliñados", así como "non despistar a atención cara a cuestións que non vaian nesta liña".
Finalmente, Lorenzana indica que tratará co Estado na reunión do venres un "elemento importante" para abaratar custos como son as medidas para as empresas electrointensivas. "Pero non despistar a cuestión de que aquí estamos a defender o emprego e, por tanto, cero ocorrencias porque é unha cuestión moi seria", afirma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.