A discapacidade que está pero que non se quere ver: "Todas as persoas precisamos dalgún apoio"

Alumnado da USC elaborou unha serie de materiais didácticos orientados ás necesidades das persoas con discapacidade que forman parte da asociación Aspaber. Brais Puñal, un dos coordinadores deste proxecto por parte de Aspaber, asegura que "o material do que se dispuña non estaba moi infantilizado, con imaxes moi infantís". Agora, grazas a esta colaboración, deuse un paso adiante na aprendizaxe de persoas adultas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/02/2024 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A discapacidade afecta a 244.302 galegos, segundo os datos aportados pola Consellería de Política Social a 31 de decembro de 2022. Deles, 118.432 son homes e 125.870 son mulleres. Por grupos de idade, a maior parte das persoas con discapacidade concéntrase entre os maiores de 75 anos: 82.390; seguidos do grupo de 50 a 64 anos: 60.196; e do de 65 a 74: 49.091. Como vemos, galegos que non só son rapaces novos, senón que hai moitos adultos e persoas de avanzada idade que, día a día, loitan por levar unha vida o máis normal posible padecendo unha discapacidade física (185.781 persoas), mental (68.029), sensorial (50.128) ou intelectual (38.822). Con todo, acusan que os sistemas de aprendizaxe dos que dispoñen están moi orientados aos nenos. Para mellorar neste senso, a Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboraron para o desenvolvemento dunha serie de materiais didácticos adaptados ás necesidades destas persoas.

Material didáctico de Aspaber
Material didáctico de Aspaber | Fonte: Aspaber

E é que, como asegura María Dolores Fernández García, directora-xerente de Aspaber, todas as persoas, "se nos dan os apoios precisos, podemos evolucionar en todos os ámbitos, pero sen eses apoios non, e todos os seres humanos precisamos dalgún tipo de apoio nalgún ámbito da vida", pois ninguén é perfecto. Por iso, e "partindo desa normalización", dende a asociación perseguen lograr eses apoios para os seus membros, apoios que "poden ser múltiples e variados, como nun supermercado, no que podemos ter unhas cousas, pero precisar ir ao do lado para atopar as outras". Deste xeito, buscaron apoios primeiro dentro da propia organización, pero ao ver que aínda se precisaban máis, buscáronos no ámbito educativo, precisamente nese proxecto en colaboración coa USC, pois "viamos que dende as distintas ramas académicas (pedagoxía, maxisterio, educación social...) nas que se formaban aos futuros traballadores, había moita formación teórica, pero pouco práctica".

Como explica Fernández, "fai moitos anos xa que nós como asociación nos achegamos ao alumnado para dicirlle o que precisabamos para estas persoas, do que careciamos, porque en moitas ocasións, e a pesares de que o intentamos, a nós tamén nos falta tempo para xerar todo ese tipo de recursos, e non temos tantos como nos gustaría, e agora si virán moitos novos grazas a esa colaboración coa universidade". Na súa maioría, os recursos deseñados pola USC están "moi relacionados coas emocións, co ámbito académico-funcional, prelaboral...". E é que, como apunta Brais Puñal, un dos coordinadores deste proxecto por parte de Aspaber, "moitas veces atopámonos con que o material do que dispomos non está adaptado á lectura sinxela, non ten imaxes, pictogramas que axuden a entendelo mellor e, por outra banda, cando se trata de material para persoas adultas, atopámonos con que o material que hai está moi infantilizado, con imaxes moi infantís".

MATERIAS CREADOS PARA ASPABER

- SORRISOS EN MOVEMENTO: Este material integra unha ampla gama de actividades físicas dirixidas a persoas con mobilidade reducida, con mobilidade moi reducida e tarefas de ximnasia xeral dirixidas a todas a persoas con mobilidade total. Non obstante, é un material didáctico dirixido a fomentar boas conductas e hábitos saudables na asociación co fin de promover a igualdade e o benestar dos usuarios.

Material didáctico de Aspaber
Material didáctico de Aspaber | Fonte: Aspaber

- RULAMOS: Consiste nunha ruleta que amosa oito situacións da vida cotiá para así potenciar as habilidades adaptativas das persoas. Pois, a súa finalidade recae en amosar estas situacións con tres posibles opcións como resposta que promoven o debate entre o alumnado e o monitor. Así, o xogo acada a súa fin cando se traballan todas as situacións ou ben cando a persoa responsable da actividade o considere necesario.

- NUTRI-PIRÁMIDE: Este material didáctico incentiva os hábitos saudables, así como a promoción de un estilo de alimentación axeitado ao facilitar a clasificación de todos os alimentos comúns no noso día a día. Isto aporta unha perspectiva que incentiva a participación das persoas para aprender ao ser unha actividade manipulativa á vez que se fomenta o recoñecemento da frecuencia na que debemos consumir múltiples alimentos.

- VIDEOXOGO 'O AUTOBÚS': Trátase de un videoxogo ao que se accede mediante un código QR que facilita unha explicación sinxela de como se debe empregar o autobús como medio de transporte público. Non obstante, téntase potenciar a autonomía das persoas con discapacidade intelectual empregando o videoxogo como medio de ensino-aprendizaxe. Así, o alumnado proporcionará unha maior atención xa que, malia poder errarse, este videoxogo proporciona explicacións ante os erros para identificar como corrixilos.

- CUIDATIC!: Este material consiste nun medio para proporcionar información sobre os riscos e beneficios das novas tecnoloxías. Ademais, integra diferentes vídeos e enlaces de códigos QR que nos dirixen a outras fontes informativas. A súa finalidade é incentivar o coñecemento acerca das potencialidades da tecnoloxía, pero tendo en conta os posibles riscos. Deste modo, promóvese a aprendizaxe desde a lectura dun cómic adaptado, o cal proporciona o propio material.

- O USO DE WHATSAPP: Este material didáctico incentiva o uso responsable das redes sociais, concretamente da aplicación de WhatsApp. Isto permitirá que se desenvolvan habilidades sobre os medios tecnolóxicos para identificar situacións que non se deben permitir como pode ser bloquear un contacto descoñecido ou a visibilidade dos perfís de WhatsApp, por exemplo.

- O XOGO DAS EMOCIÓNS: Consiste nun material que traballa as diferentes emocións empregando como soporte un vídeo interactivo que representa cada unha das emocións. Así, posteriormente, débeselle dar resposta as preguntas de que emoción caracteriza cada situación representada.

MATERIAIS CREADOS PARA O CRA PONTE DA PEDRA

- SOCIALIZANDO COS ANIMAIS: Neste recurso hai un xogo similar ao Trivial con diferentes propostas para ir realizando segundo a cor no que caian os participantes. As propostas son xogos que precisa da colaboración e cooperación doutras compañeiras e compañeiros como montar un puzle, asociar imaxe coa súa sombra, memory, relacionar animais e hábitat, tres en raia...        

- UNHA VIAXE POLA LECTOESCRITURA: Xogo sensorial no que hai que realizar diferentes actividades para chegar ao final do camiño: representar as letras en diferentes elementos, coser as letras en gomaeva...       

- LIBRO SENSORIAL AS VOGAIS: En diferentes formatos sensoriais, trazamos as vogais e relacionámolas coa súa correspondente vogal en lingua de signos. 

- PIONEIROS DAS LETRAS: Neste material esta elaborado para relacionar pictogramas ( e este caso coa temática da granxa) con letras, sílabas, palabras ou crear frases en función da súa dificultade. Esta elaborado para poder cambiar as fichas e poder tratar outras temáticas que os mestres/as vexan necesarias así como asuntos diarios.

"SEN APOIO, NUN MUNDO DESCONTEXTUALIZADO, CALQUERA TERÍA DIFICULTADE"

Polo que respecta ao plano dixital, é complexo o asunto, xa que, como precisa María Dolores Fernández García, a directora-xerente de Aspaber, "por una banda, queremos achegar a estas persoas con diversidade funcional ao mundo das TIC, das novas tecnoloxías, pero iso ten outra complexidade engadida, e é que como para eles redes sociais como o WhatsApp, unha maneira de socializar que antes non tiñan, se non contan co suficiente coñecemento sobre el ou non se traballa con información sobre iso, pode ter os seus riscos, riscos que hai que contarlles e ensinarlles". 

Para finalizar, Fernández incide na premisa de que "sen apoios e nun mundo descontextualizado calquera tería máis dificultades que se conta con apoios", é dicir, "calquera persoa con apoios pode chegar a facer un montón de cousas". Sen embargo, evidencia que "se a min o primeiro que me din é o que non sei facer, van atopar moitas cousas, de seguro". Fronte a isto, se realmente vivimos nunha sociedade inclusiva, "teriamos que mirar polo mundo das capacidades e nós, como organización, traballamos sobre esas capacidades, porque cremos que nos levan a bo porto". E tanto é así que moitos membros da asociación xa están en emprego, facendo unha vida en parella e levando un día a día como calquera outra persoa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta