A situación dos mariscadores a flote do Cabo da Cruz: "Vemos como periga o noso medio de vida"

Desde a agrupación coñecida como Poseidón denuncian á Consellería do Mar polo trato discriminatorio. Por parte da institución falan do conflicto entre os dous colectivos da mesma entidade.

Por Amanda Fernández | Boiro | 31/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sector do mar en Galicia saíu a manifestarse logo da crise medioambiental xerada pola chegada dos microplásticos ás praias. A agrupación de mariscadores a flote do Cabo da Cruz (Boiro), máis coñecida como agrupación Poseidón, acudiu a esa manifestación para alzar a voz ante a situación que vive o seu sector. Javier Noal Pérez, secretario de dita agrupación, cando se lle pregunta polos pélets recoñece que "os plásticos nunca son bos" pero fala de que "constantemente chegan moreas de vertidos de moitas clases á ría". Fai alusión aos mercantes que entran en Vilagarcía de noite e vacían as encinas, depósitos de fuel que se botan no mar "ao amparo da escuridade". Javier afirma que o dos pélets asusta, pero é unha "minucia co que pasa día a día no mar". Ademáis tamén fai fincapé na problemática da mortaldade do marisco pola auga doce e a mala xestión dos encoros dos ríos Ulla e Tambre, así como da apertura das minas: "Temos visto chegar escuma de cores raros polo ríos abaixo". 

Captura dun vídeo das redes sociais da Agrupación de mariscadores a flote do Cabo da Cruz
Captura dun vídeo das redes sociais da Agrupación de mariscadores a flote do Cabo da Cruz

INCUMPRIMENTO DO ACORDO DO 2006 

Con todo este panorama común ao sector do marisqueo, Javier e os mariscadores a flote do Cabo da Cruz recoñecen ter aínda máis problemas. O seu traballo consiste en fondear desde unha embarcación nas zonas autorizadas para recoller marisco, principalmente ameixa e berberechos, en concordancia co mariqueo a pé. "Para min é o traballo máis bonito do mundo pola sensación de liberdade, pero o futuro vese negro, levamos anos malísimos de acoso costante por parte da Consellería do Mar, que non respeta o acordo que temos e discrimina o noso sector sen entender a razón", lamenta Javier Noal. 

Desde a agrupación de mariscadores a flote do Cabo da Cruz denuncian o incumprimento do acordo de 2006 por parte da Consellería. Segundo Javier explica, consiste nisto: "Decidiuse facer unha separación de sectores: o marisqueo a pé e o marisqueo a flote. Naquel momento os dous sectores fixeron un acordo, no que se fixarían uns puntos para dividir zonas de traballo. Agora estásenos sancionando por traballar nunha zona que se nos concedeu e temos a documentación conforme a que o acordo existe". Fóra desa zona na que reivindican traballar, segundo un estudo que fixeron cunha empresa especializada, é inviable o futuro do sector de a flote. "Fóra diso é todo fango, podemos queimar os barcos

Denuncian tamén o acoso constante dos gardacostas. "Hai un dispositivo só para nós, desde o 1 de xuño ata o 31 de decembro, diariamente. Veñen en coches por terra e lanchas por mar para evitar que traballemos nesa zona", afirma Javier. "É unha coacción e moitas veces temos que marchar para a casa sen gañar o xornal porque hai medo", engade. 

A SITUACIÓN É LÍMITE: "IMOS TER QUE QUEIMAR OS BARCOS"

Cal é a situación actual? O entrevistado asegura que entregaron o plan de explotación para o trienio 2024-2026 á Consellería do Mar e que foi enviado de volta correxido e recortado "ao gusto deles, un plan de explotación aprobado en xunta xeral pola confraría do Cabo da Cruz, "estamos totalmente tutelados". Así se lamenta Javier que di que hai ausencia de resposta por parte do conselleiro Alfonso Villares. "É unha discriminación total, non imos ter forma de manter ás nosas familias, queren que desapareza o marisqueo a flote? Se o plan de explotación novo non se rectifica, podemos xuntar todos os barcos e facer unha fogueira porque non teríamos a onde ir", afirma Javier. 

Desde o 5 de xaneiro, os mariscadores a flote do Cabo da Cruz pararon coa actividade para dar descanso ás zonas. Porén, algúns non saben se volverán segundo expresa Javier porque de "140 familias que vivían disto, agora estaban vindo 20 mariscadores". Toda esta situación desencadeou en "familias en risco de exclusión social, tentativas de suicidio e moitos casos de depresión". Esta agrupación expresa que a defensa da ría pasa por defender á xente que lle dá vida: "A ría é a nosa vida e agora vemos como periga o noso medio de vida fundamental". 

A POSTURA DA CONSELLERÍA DO MAR 

Desde a Consellería do Mar fan fincapé en que tanto a institución como o servizo de Gardacostas de Galicia "se limitan a aplicar o establecido nos plans de explotación vixentes". De igual xeito, fai referencia ao que denominan como "conflicto entre dous colectivos da mesma entidade" en relación ao marisqueo a flote e o marisque a pé.

Sobre o novo plan de explotación apuntan o seguinte: "Desde a Consellería fíxose un traballo de mediación na elaboración do novo plan, no cal se detectou solapamentos entre as dúas zonas polo que se procedeu a separalas mantendo os criterios dos plans presentados anteriormente e a cota cero en novas zonas o cal foi trasladado ás partes afectadas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta